URBANISMO

EMUVISSA adxudica as obras de urbanización do SUNP-5 da Muíña por 4,1 millóns de euros

28/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá a reunión ordinaria do Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA). Na sesión adxudicáronse as obras de urbanización do plan de sectorización do SUNP-5 da Muíña e o contrato de alleamento dunha parcela do SUP-7 (Pontepedriña II).

EMUVISSA adxudicou o contrato para a execución das obras de urbanización do SUNP-5 da Muíña á UTE Espina y Delfín, S.L.-Obras y Viales de Galicia, S.L., por un importe de 4.122.686,66 euros e un prazo de execución de nove meses. Neste solo, de algo máis de 75.000 metros cadrados de superficie, construiranse unhas 415 vivendas protexidas.

Por outra parte, adxudicouse o contrato de alleamento da parcela M5 do plan parcial do SUP-7 de Pontepedriña II á empresa Inmobiliaria de Puentes y Calzadas, S.L., polo prezo de 1.334.000 euros. Este solo está destinado á construción de 40 vivendas de protección autonómica de réxime especial e de prezo xeral.

Respecto a outro dos solos, o do plan parcial do SUNP-14 de Tras Paxonal, habilitouse ao director xerente de EMUVISSA, José Manuel Rey Pichel, para que abra un procedemento negociado con empresarios interesados ou cooperativas para o alleamento das parcelas ER1, ER6 e ER7.

Neste SUNP-14, o Consello de Administración aprobou tamén o proxecto complementario de obras de urbanización formulado polo arquitecto de EMUVISSA, cun orzamento de 206.630,39 euros.

Compartir: