CULTURA

Unha mostra reúne os libros e publicacións da mítica editorial "Nós"

19/10/2005 A mostra "Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galiza entusiasmada" inaugúrase o xoves 20 de outubro ás 20.30 horas na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia.

"Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galicia entusiasmada", foi concibida como eixo principal do "Ano Ánxel Casal" que deseñou a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago. A mostra reúne a práctica totalidade dos libros e publicacións que a editorial "Nós" de Casal editou co deseño gráfico das individualidades máis atrevidas da arte galega da década dos 20 aos 30.

A exposición presenta obras de relevantes artistas algunhas descoñecidas e nunca expostas de Castelao, Díaz Baliño, Sesto, Méndez ou Xurxo Lourenzo, xunto a obras de Arturo Souto, Carlos Maside e Maruxa Mallo, Castro Arines, Lolita Díaz Baliño, Fernández Mazas, Xaime Prada e Manuel Prego, e os descoñecidos debuxos de Federico Ribas, ideados para denunciar a barbarie da represión do 36 en Galicia. A mesma que lle segou a vida a Ánxel Casal o 19 de agosto logo de estar preso en Santiago, cidade da que era alcalde pola Frente Popular.

A inauguración contará coa presenza da Conselleira de Cultura dona Ánxela Bugallo Rodríguez, do Concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, don Néstor Rego Candamil e de don Xosé Henrique Acuña, Comisario da mostra.

A exposición permanecerá aberta desde o 20 de outubro ao 11 de decembro de 2005. Poderase visitar todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.

Compartir: