ALCALDÍA

O Concello incrementa o seu apoio ao programa de manutención básica da Cociña Económica

28/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou no Pazo de Raxoi, un convenio de colaboración coa Cociña Económica, representada neste acto por Jesús Precedo, presidente da súa Patronal. O Concello achega 20.208 a esta institución, incrementando un 60% a achega do anterior convenio de acordo ás necesidades da situación económica actual.

Sánchez Bugallo agradeceu o "espléndido labor social" que realiza en Santiago a Cociña Económica, que permite que "moitas persoas se poidan alimentar axeitadamente durante o ano". Recoñeceu tamén o traballo realizado polas relixiosas da institución e polos voluntarios que colaboran con ela.

Pola súa parte, Jesús Precedo recordou que, na Cociña Económica, os seus usuarios poden ter tres comidas ao día por pouco máis dun euro e medio. Son 80 os comensais que o comedor pode albergar ao mesmo tempo, se ben cifrou a presenza diaria duns 140 usuarios. O difícil momento económico fixo que este número de comensais se incrementara en aproximadamente o 50% nos últimos meses. Atendendo a esta situación, o Concello incrementou a súa achega.

Pola Cociña Económica pasan non só comensais, senón tamén familias que levan os alimentos para logo cociñalos na casa. Recordou tamén Jesús Precedo que non faltan comensais conflitivos a causa dos efectos da droga ou da bebida, pero agradeceu a presenza permanente ao carón da institución dunha patrulla da Policía Local para atender calquera problema.

Aínda que amosou a súa preocupación pola falta de vocacións relixiosas –fundamentais neste caso para atender a Cociña–, o presidente da súa Patronal, deu as grazas a todos aqueles que achegan a súas doazóns, tanto en forma de esmolas como en especie. Tal é o caso dalgúns comerciantes da praza de Abastos, que deixan na Cociña os produtos aos que non lles deron saída, ou dos centros asistenciais da cidade, que proporcionan tamén alimentos.

Manutención básica
Grazas ao programa obxecto do convenio, a Cociña Económica cobre unha necesidade básica das persoas, como é a manutención, proporcionándolles alimento. Benefícianse deste programa para manutención básica distintos sectores da poboación como son familia, xuventude, persoas maiores, minorías étnicas, sen fogar, refuxiados, asilados, toxicómanos, reclusos e ex-reclusos, emigrantes, inmigrantes, enfermos terminais, estudantes con pouca bolsa etc. Isto é, persoas ou grupos que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva.

Para levar a efecto este programa a Cociña Económica posúe un local duns 447 metros cadrados, con comedor, cociña, salóns, etc. Tamén dispón dun Centro Social de Día con calefacción, televisión, servizo de biblioteca ou xogos e conta cun equipo de recursos humanos formado por seis irmás da caridade, catro empregadas de limpeza do centro e unha traballadora social no Centro de Día.

Compartir: