COMERCIO

A experiencia de "Marzo, mes do comercio", seleccionada polo II Foro de Comercio Urbano de Málaga

27/04/2009 O programa de dinamización comercial, Marzo, mes do comercio, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, formará parte de Ágora, II Foro del Comercio Urbano, que se vai celebrar no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga entre o 6 e o 8 de maio.

A iniciativa estará presente no "Espacio de Experiencias", unha área monográfica onde entidades públicas e privadas poderán presentar os proxectos e iniciativas levados a cabo no ámbito do comercio urbano que poden servir de modelo ou referencia para outras cidades. Ademais, a Concellaría contará cun stand na feira, no que, ademáis de realizar unha radiografía do sector, se amosarán os programas e actividades relacionadas co comercio desenvolvidas nos últimos anos.

Marzo, mes del comercio é un programa que naceu en 2007 cun dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas, e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade, xa que é unha referencia de calidade tanto para os composteláns coma para a potencial clientela da área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Nas distintas actividades organizadas nos últimos tres anos (exposicións, conferencias, animación en rúa, formación, Gala do comercio Compostela capital de compras e Compostela Outlet) participaron máis de 60.000 persoas, tanto de Santiago, como da súa área de influencia comercial.

Arredor de 40 cidades e municipios de España estarán presentes no espazo de experiencias de Ágora, II Foro del Comercio Urbano. Neste espazo inclúense actuacións de interese relacionadas cos centros urbanos que poden servir de referencia a outros proxectos quedarán rexistradas na Guía de Buenas Prácticas que editará a propia organización do evento.

Ágora, que celebra a súa segunda edición, reúne no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga ás cidades máis destacadas en comercio urbano. Algunhas das cidades que participan, ademais de Santiago, son Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Vitoria-Gasteiz, Albacete, Palma de Mallorca, Las Palmas, Lleida, Melilla, Pamplona e Toledo.

Compartir: