EDUCACIÓN

A concelleira de Educación explica na Habana a experiencia de Compostela como cidade educadora

27/04/2009 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, pronunciou na Habana (Cuba) unha conferencia titulada "As cidades Patrimonio da Humanidade como cidades educadoras". Este relatorio inscríbese no do encontro internacional organizado na cidade cubana pola UNESCO e en cuxa organización colabora tamén o Ministerio de Cultura español e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Guadalupe Rodríguez explicou o nacemento do concepto de "cidade educadora". Indicou que unha cidade que recibe ese cualificativo é aquela "que se converte nunha cidade de convivencia cultural e xeracional, nun espazo de aprendizaxe da diversidade humana e de superación de intolerancias, verdadeira condición para unha vida democrática". Tomando como referencia a experiencia compostelá, o entorno urbano, explicou, "convértese nun territorio con múltiples posibilidades educativas onde o goberno, as asociacións, os empresarios, os sindicatos e outros moitos estamentos, como a policía, deben asumir tarefas educativas".

A aplicación deste concepto por parte dunha cidade Patrimonio da Humanidade debe supoñer, segundo Rodríguez, "non só a conciencia do patrimonio urbano, senón tamén do patrimonio tradicional e propio que dá identidade e constitúe a referencia da propia existencia de moitos pobos".

A responsable de Educación referiuse tamén á reunión que tivo lugar en 2008 en Santiago das cidades pertencentes á rede de cidades educadoras, así como aos principais programas que se teñen posto en marcha no Concello de Santiago, entre os que destacou a iniciativa "Vivir Santiago", as rutas didácticas, ou os programas específicos con galerías de arte, entre outros.

Compartir: