XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas outras nove obras do Fondo de Investimento Local

27/04/2009 A Xunta de Goberno adiantou a súa sesión habitual dos martes ao luns co fin de cumprir os prazos de adxudicación fixados polo Ministerio de Administracións Públicas do Fondo de Investimento Local. Así, foron adxudicadas nove das dez obras que faltaban, relativas ás reurbanización do Ensanche vello e en Xeneral Pardiñas, á mellora nos Camiños de Santiago e á reformas nos centros socioculturais. Estas e as outras 24 obras comezarán durante o mes de maio.

Adxudicado o primeiro paquete de obras de reurbanización no Ensanche vello na anterior Xunta de Goberno, a Xunta de Goberno decidiu a empresa que realizará as obras doutras catro rúas: Gómez Ulla, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil e Neira de Mosquera. Estas catro actuacións supoñen un investimento de 1.109.064 euros máis IVE e darán emprego a 43 persoas. Os prazos de exución son de 3 meses e 18 días na rúa Gómez Ulla e de 2 meses e 21 días nas outras tres rúas.

Tamén se adxudicaron as obras de reurbanización da rúa Xeneral Pardiñas, no tramo comprendido entre Montero Ríos e Carreira do Conde, por importe de 603.448 euros máis IVE e un prazo de execución de 4,5 meses. Nesta obra ocuparanse 52 persoas, das que 23 están integradas na empresa e 29 son de nova contratación.

Outras tres obras teñen que ver con melloras no Camiño de Santiago: integración paisaxística do entorno do Camiño Francés na N-634, rehabilitación e sinalización deste Camiño Francés no termo municipal, e rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago a Fisterra. Estas tres actuación supoñen un investimento conxunto de 862.077 euros máis IVE. As obras ocuparán a 32, 30 e 25 persoas, das que 9, 7 e 5 serán de nova contratación. Os prazos para estas obras son dun mes e medio.

Finalmente, adxudicouse tamén provisionalmente a reforma e acondicionamento de edificios da rede de centros socioculturais: A Trisca, Conxo, Vite, Amio, Busto, Marantes, Grixoa, Nemenzo, Lamascal. O custo será de 259.000 euros máis IVE e o prazo de execución establécese en 189 días. Nesta obra ocuparanse 26 persoas, das que 17 están integradas na empresa e 9 son de nova contratación. Unicamente queda por adxudicar a dotación de acceso a Internet a través da rede Wimax nas parroquias de Aríns e de Figueiras, materia que irá ao Pleno do 30 de abril.

Lingua
Outro acordo da Xunta de Goberno foi o orzamento de 29.647 euros para o programa "Maio das Letras 2009". Este programa pretende incentivar unha maior presenza do galego entre a comunidade escolar a través de distintas actividades de dinamización lingüística.

Tamén se deu o visto bo ás actividades do programa Correlingua 2009 e a un orzamento para o mesmo de 5.740 euros. O Concello vén participando dende hai 11 anos nesta carreira pola lingua, que se celebrará o 7 de maio.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, acordouse solicitar da Consellería de Sanidade a prórroga do convenio de cooperación para o cofinanciamento de programas de prevención de drogodependencias. En virtude do mesmo, a Xunta achegaría 102.000 euros e o Concello 24.480 euros (en dúas anualidades).

Tamén se vai solicitar unha subvención de 6.000 euros para a realización dunha actividade de concienciación e sensibilización sobre os valores da igualdade e da corresponsabilidade no ámbito do fogar. Outra programa, o de prevención de drogodependencias a través do adestramento de competencias sociais con adolescentes, foi adxudicado por 6.207 euros.

Urbanismo
No ámbito do Urbanismo, iniciouse o expediente de contratación do alleamento de tres parcelas municipais do proxecto de compensación do Plan Parcial do Sunp-25 de Roxos. Os prezos mínimos para cada unha das parcelas (2, 3 e 4) son 223.246, 711.915 e 295.233 euros máis IVE.

Deportes
En Deportes, aprobouse a adquisición de bens incluídos no proceso de liquidación da Sociedade Deportiva Compostela SAD, por valor de 64.000 euros. Desta cantidade, 60.000 dedícanse a mercar a unidade de cámaras de vixilancia do estadio de San Lázaro.

Parque José "Zeca" Afonso
A proposta da Alcaldía, acordou nomearse como Parque José "Zeca" Afonso un terreo situado na avenida Burgo das Nacións. O devandito parque está en fronte da praza da Música e do Auditorio e a carón do hotel NH Obradoiro.

Documentos relacionados



Compartir: