XUVENTUDE

Tramaturgia gaña a final de hip hop de "MúsicaXove’09"

24/04/2009 A Sala Capitol viviu a final máis disputada das que se levan celebrado ata agora nas dúas edicións do MúsicaXove, certame organizado pola Concellaría de Xuventude. Competían tres grupos de hip hop, Tramaturgia, Mito Escrito e Bronquitis Crónica, que recibiron os aplausos de un público entregado aos ritmos urbanos e letras do hip hop galego.

Finalmente, e tras o duro traballo do xurado, déronse a coñecer os postos da final da categoría de hip hop: o primeiro clasificado, que recibirá 2.000 euros, foi Tramaturgia; o segundo premiado, Mito Escrito, con 1.000 euros de recompensa; e o último, Bronquitis Crónica, que se levará 500 euros da súa participación no certame.

As seguintes finais chegarán o xoves 30 de abril. Haberá unha dobre sesión, con concertos de pop-rock e autor-folk. Os participantes na categoría de rock serán Frab Fly (Santiago), Agoraphobia (Boiro), e Dirty Socks (Santiago) que tocarán a partir das 22:00 horas. De seguido actuarán Perpetradores de Actor (Pontevedra), Liridade Noctámbula (Santiago) e Roberto Sobrado (Santiago) na categoría de autor-folk.

Compartir: