CENTROS SOCIOCULTURAIS

A concelleira de Centros Socioculturais debateu con escolares sobre o filme "O pesadelo de Darwin"

24/04/2009 No Centro Social e Cultural do Ensanche, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, asistiu ao debate suscitado pola proxección do documental O pesadelo de Darwin cos alumnos e alumnas do colexio Divino Mestre. A sesión encádrase dentro do programa de cinema e medio ambiente Imaxinando e no marco da celebración da Semana Social e Cultural do Ensanche.

Os alumnos de 2º da ESO do Colexio Divino Mestre asistiron ao pase de O pesadelo de Darwin. Ao remate do filme abriuse un debate arredor das ideas suxeridas polo filme, no que os escolares e a edil falaron de temas diversos como a necesidade da preservación do medio natural autóctono, a desigualdade económica entre os distintos países e nacións do planeta ou os paralelismos existentes entre a degradación do medio ambiente en África e en Galicia.

O pesadelo de Darwin sitúase na cerna do continente africano, no lago Vitoria, onde xeracións de familias atopan na pesca o seu medio de vida e subsistencia. Mais a introdución dunha especie alóctona, a perca do Nilo, levou á destrución do ecosistema local, provocando a pobreza da poboación e o enriquecemento de diversas empresas multinacionais con sede no continente europeo.

Unha semana de actividades sociais e culturais
A proxección enmarcouse, por unha banda, dentro das actividades da segunda Semana Social e Cultural do Ensanche, na que se está a poñer en valor a importancia da participación das persoas próximas ao centro sociocultural. Cada ano, a Semana está dedicada a unha temática. Este ano os protagonistas son precisamente as persoas próximas ao centro sociocultural, cidadáns irrepetibles, con identidade singular.

Ao tempo, o ciclo de cinema e medio ambiente Imaxinando, está a proxectar nos centros socioculturais da cidade filmes que pretenden mover a conciencia dos espectadores para a preservación do medio natural en Galicia e no mundo. Dentro deste programa proxéctanse pezas destinadas especificamente a público infantil como O espírito do bosque ou Glub. Unha aventura sen desperdicio, ata pezas documentais de forte compromiso social e ambiental como Paisaxes transfromadas ou este O Pesadelo de Darwin.

Compartir: