ALCALDÍA

O Concello e o Colexio de Avogados colaboran na ampliación da asistencia xurídica gratuíta

24/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou no Pazo de Raxoi, un convenio de colaboración co decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira. Este acordo establece a implantación e funcionamento dunha quenda de letrados especializados en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía administrativa previa, de cara á formulación dos recursos administrativos procedentes, que na actualidade quedan fóra do ámbito da xustiza gratuíta.

Sánchez Bugallo destacou o "importante labor social" que supón un acordo como este cara a lograr "que os cidadáns sexan iguais ante a lei". Neste sentido, Nogueira recordou a lagoa existente na Lei de Xustiza Gratuíta respecto a estas reclamacións previas ao contencioso-administrativo, co que este acordo supón "adiantarse" a posibilidade de que a Lei as recolla. Para a colaboración na realización das actividades obxecto deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela achegará a cantidade de 5.000 euros.

Indicou o decano do Colexio que "a tutela xudicial efectiva é un dereito garantido pola propia Constitución e a crise económica non pode ser óbice para que os cidadáns accedan a este servizo". Este labor de atención xudicial gratuíta é exercido polos avogados de quenda de oficio, cuxo labor quixo destacar Nogueira. En 2008, estes letrados tramitaron 2.479 asuntos.

Para usuarios con insuficiencia de recursos
Esta quenda especializada concrétase na asistencia e orientación a persoas que acrediten insuficiencia de recursos económicos derivadas pola Concellaría de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago, para interpoñer os recursos administrativos previos á xurisdición contencioso administrativa ou a xurisdición laboral de conformidade coas normas de xustiza gratuíta. Sobre os potenciais perceptores desta asistencia previa, Nogueira indicou que "serán aquelas persoas que teñan dereito legalmente á xustiza gratuíta".

Tal orientación irá destinada a informar de xeito fidedigno o/a recorrente das posibilidades legais da actuación que pretende e que prevé o ordenamento xurídico perante o caso concreto, con indicación dos trámites, prazos e consecuencias que puideran derivarse, e a formulación do recurso que proceda na vía administrativa previa. Este servizo de asistencia xurídica especializada rexerase polas regras de funcionamento que se teñan estabelecidas polo Colexio de Avogados de Santiago para os servizos de orientación xurídica en xeral.

O Concello de Santiago entende que determinados colectivos padecen un menoscabo real e efectivo do seu dereito de defensa, carecendo de asistencia letrada e coñecementos xurídicos cando acceden á vía administrativa previa. En tal sentido cómpre salientar que este sentir é coincidente coas recomendacións do II Informe do Observatorio de Xustiza Gratuíta, que formula a conveniencia de estender o beneficio da xustiza gratuíta ás actuacións da vía administrativa previa, dada a indubidable transcendencia que moitas destas actuacións teñen para a posterior vía xurisdicional.

Compartir: