BENESTAR SOCIAL

O Concello abrirá a Casa das Asociacións de Benestar Social cando se resolvan os defectos da obra e se incorpore o mobiliario

24/04/2009 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, compareceu ante os medios de comunicación para indicar que a apertura da Casa das Asociacións de Benestar é "unha prioridade" para ela e para o Concello. Explicou que o feito de que aínda estea pechada ten que ver con "problemas administrativos alleos á vontade do Concello e á miña persoal".

Mar Martín apuntou que finalmente será o Concello quen finalmente execute as obras para solucionar as deficiencias deixadas pola empresa contratista unha vez que esta quebrou. Resoltos os defectos que afectaban á rede pluvial, agora quedan por solucionar aspectos relacionados con subministro eléctrico. "O Concello xa ten partida para executar estas obras, que custarán uns 55.000 euros", indicou.

Por outra parte, está previsto adxudicar en breve o mobiliario para a Casa, concepto no que se investirán uns 154.000 euros. A concelleira apuntou que, neste caso, a partida orzamentaria procede xa do exercicio anterior e que está previsto volver a solicitar unha subvención de 54.000 euros ao Ministerio de Administracións Públicas.

A edil insistiu na necesidade de abrir canto antes este espazo, que vai servir para "dinamizar o traballo asociativo e, sobre todo, potenciar o traballo en rede". Reiterou que é unha "ferramenta esencial" para unha cidade que ten "un tecido asociativo moi potente".

Compartir: