ALCALDÍA

A avenida de Castelao e o tramo dende Vista Alegre ata O Pombal, as primeiras travesías en renovarse

24/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que, previsiblemente, a avenida de Castelao e o tramo entre Galeras e o Pombal serán as dúas primeiras obras en executarse no marco do convenio de travesías. Os técnicos municipais xa están a supervisar os dous proxectos, co obxectivo de licitalos no mes de xuño, ou mesmo antes.

A obra do tramo Vista Alegre-Salvadas-Galeras (ata o Pombal) e a da avenida de Castelao suporán un investimento de 9,5 millóns de euros e afectan a un tramo de algo máis de tres quilómetros. Despois destas dúas obras iranse adxudicando sucesivamente as restantes: dende o cruce coa avenida de Castelao ata a ponte do Romaño, o tramo Fonte dos Concheiros-rúa das Fontiñas, rúa do Valiño e Rosalía de Castro dende Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro, se ben esta última obra non se executará ata que rematen as obras do túnel do Hórreo.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, a construción e acondicionamento das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a implantación de servizos urbanísticos e a dotación de mobiliario urbano. Será un modelo estético semellante á da rúa Mestre Mateo.

Todas as obras do FIL en marcha en maio
Tamén en materia de obras, o alcalde apuntou que na Xunta de Goberno do luns 27 de abril se adxudicarán as obras que restan do Fondo de Investimento Local (FIL). "O obxectivo é que todas as obras estean en marcha no mes de maio", anunciou. Referiuse Sánchez Bugallo á importancia destas obras para a xeración de emprego na cidade, aínda que tamén non ocultou os problemas de tráfico e molestias que nos agardan aos composteláns durante varios meses.

Cidade da Cultura
O rexedor municipal aproveitou a súa rolda de prensa dos venres para comentar outros temas de actualidade, como a toma de posición do novo Goberno da Xunta en relación á Cidade da Cultura. Indicou que as manifestacións do presidente autonómico e do conselleiro de Cultura "van na dirección correcta", e expresou a súa confianza en que "se plasmen en decisións". En particular, referiuse á necesidade de que se concrete "definitivamente" o destino do edificio denominado agora como Escenario Obradoiro, cuxo estado de execución –indicou- está no 4%.

Nomeamentos na Xunta
Por outra parte, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción polo nomeamento do concelleiro popular Jesús Gamallo como secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta. Recordou "o traballo excelente" realizado por Gamallo dende este cargo na etapa Fraga e amosouse convencido de que realizará "un excelente labor".

Compartir: