CENTROS SOCIOCULTURAIS

Entrega dos premios de relato curto e poesía dos centros socioculturais

23/04/2009 Entregáronse no Salón Nobre de Raxoi os premios da do VIII Certame Literario de Relato Curto e VI de Poesía que organiza a Concellería de Centros Socioculturais. O premio de relato curto foi para Estíbaliz Espinosa por Pro Videncia, mentres que o de poesía ficou deserto, cun galardón simbólico, ex-aequo, para Arsenio Iglesias Pazos e Elisa Abal Santórum.

Un ano máis, celebráronse en Compostela os certames literarios José Saramago de relato curto e Aurelio Aguirre de poesía, dous premios que naceron por separado nos centros socioculturais de Vite e Conxo, respectivamente, e que agora se funden nun só premio que organiza o departamento de Centros Socioculturais.

O acto de entrega do premio foi presidido pola concelleira de Cultura, Socorro García Conde, quen destacou a coincidencia do acto co Día do Libro, co que se constata a "vontade da Concellaría de fomentar a lectura, o libro e a produción literaria a través dos centros socioculturais", que están a funcionar como espazos de encontro entre escritores e lectores de Compostela.

Na convocatoria desta edición do certame destacou a elevadísima participación, que ascendeu ata as 89 obras presentadas (fronte ás 48 do ano anterior), con 47 textos narrativos e 42 poéticos. Ademais, a edil salientou a variedade temática das obras presentadas, a completa documentación e a calidade literaria dos textos. Socorro García adiantou que na nova convocatoria, que xa está aberta, vaise estabelecer como eixo temático a ciencia ficción, coincidindo co Ano da Astronomía.

Pro Videncia, de Estíbaliz Espinosa
A continuación fíxose pública a identidade dos gañadores da edición deste ano do premio. A VIII Edición do Certame Literario de Relato Curto foi para Estíbaliz Espinosa Ríos pola súa obra Pro Videncia; namentres que o VI Certame de Poesía quedou deserto, concedéndoselle un premio simbólico ex-aequo a Arsenio Iglesias Pazos e a Élida Abal Santórum.

Estíbaliz Espinosa recolleu o galardón de mans de Socorro García e leu un anaco da obra gañadora, que relata "un detalle insignificante na vida de dúas persoas que se atopan pola rúa e non chegan a cruzar palabra". Espinosa salientou a súa vontade no relato de amosar a "relevancia cósmica de detalles aparentemente irrelevantes". O acto rematou cunha actuación de contacontos de Celso Fernández Sanmartín.

Compartir: