EDUCACIÓN

A comunidade educativa pide que se cumpran os compromisos de Dakar

23/04/2009 O Paraninfo da Facultade de Historia acolleu o acto central da Semana de Acción Mundial pola Educación, que se celebra do 20 ao 26 de abril. Alumnos dos centros composteláns ateigaron o recinto nun evento que serviu para reclamar da comunidade internacional o cumprimento dos obxectivos educativos de Dakar.

A cantante Uxía abriu coas súas cancións un acto no que o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, recordou que pasaron nove anos dende o momento en que 180 países fixaron os Obxectivos de Dakar: estender e mellorar a educación infantil, asegurar unha educación primaria de balde e de calidade, incrementar nun 50% os niveis de alfabetización en adultos, lograr a igualdade de xénero en 2015 e mellorar a calidade da educación. "Ao paso que imos, nin en 100 anos cumpriríamos con estes obxectivos", dixo.

Ante este panorama, destacou o valor desta campaña para "apertar á comunidade internacional para que cumpra estes compromisos". Ao tempo que en Santiago, celebráronse tamén actos ata en 40 cidades españolas e en centos de cidades do mundo. En Galicia, os outros actos tiveron lugar na Coruña, Vigo, Ferrol, Viana do Bolo e Ourense.

Lembrou finalmente que, actualidade, 774 millóns de persoas adultas son analfabetas e 75 millóns de nenos e nenas non teñen acceso á escola. Ademais, un número incalculable de nenos, mozos e persoas adultas que asisten á escola ou a outros programas educativos non acadan o nivel suficiente para ser considerados alfabetizados.

Animación á lectura e a construír a paz
Pola súa parte, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aproveitou o lema da campaña, "Abre un libro, abre o mundo", para recalcar "a importancia do libro e da lectura". Sen desbotar por iso os medios audiovisuais ou internet, reivindicou o libro como instrumento "que nos ensina a reflexionar, a pensar, a memorizar e a esforzarnos". Ademais, dirixiuse aos rapaces e animounos a "aprender a coñecer aos demais, porque así aprenderemos a valoralos e a respectalos, e iso é a base da convivencia".

Pechou a rolda de intervencións o presidente da Fundación para unha Cultura de Paz e ex-director xeral da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza. Definiu a educación como "algo máis que formación e información, algo tan simple como que cada persoa dirixa a súa vida". Neste sentido, aconsellou aos escolares a "grazas á educación, construír a paz co noso comportamento cotiá". Para rematar, recordou un lema da UNESCO para definir o obxectivo da educación: "preparar aos nenos do mundo ás responsabilidades do home libre".

O vicerreitor de Política Internacional da Universidade de Santiago, Agustín Merino, deu paso ás distintas intervencións, tras as cales chegou o momento para encher o Gran Libro, referente da campaña "Abre un libro, abre o mundo". Unha representación de poetas galegos e algúns alumnos leron os seus textos referidos á importancia da alfabetización e do interese na promoción do libro e a lectura. Estes textos quedaron pegados no Gran Libro e, a continuación, as institucións participantes no acto asinaron un compromiso pola Educación. Unha nova actuación musical de Uxía pechou o evento.

Esta Semana de Acción Mundial pola Educación é tamén un bo motivo para consultar a páxina web creada especificamente para esta campaña, www.cme-espana.org. Alí pódense coñecer os diferentes aspectos da mesma, así como a sección "Vidas reais", onde nenos e nenas de diferentes países do mundo falan de como viven, das súas preocupacións e do seu interese por conseguir unha educación básica que lles permita enfrontar os graves problemas que lles afectan.

Compartir: