CULTURA

Laura Alonso ofrece un concerto a beneficio da Asociación Española contra o Cancro

22/04/2009 Presentouse en rolda de prensa o recital que vai ofrecer a soprano galega Laura Alonso a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), o luns 27 de abril, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, estivo acompañada por Luz Hernández e María Dolores García, da AECC, na presentación desta concerto. A edil gabou "o intenso labor que a AECC leva anos realizando, non só na loita contra esta enfermidade, senón na promoción de actividades culturais de grande interese como é o caso".

Socorro García Conde salientou tamén o compromiso da soprano galega Laura Alonso que, acompañada do pianista Stephan Matthias Lademann, ofrecerá un recital cuxa recadación vai dedicar de xeito íntegro á AECC. A actividade permitirá aos asistentes gozar dun programa musical de calidade e, ao tempo, colaborar nunha iniciativa social solidaria. O concerto conta cun repertorio moi variado, con obras dalgúns dos máis grandes compositores da historia da música: Salieri, Schubert, Beethoven, Donizetti, Ravel, Verdi, Rodrigo, Halffter, Baldomir, Ovalle, Obradors, Villalobos, Delibes, Montsalvage, Ginastera e Valverde.

Unha voz de renome en toda Europa
Nada en Vilagarcía de Arousa e residente en Alemaña, Laura Alonso sitúase actualmente como unha das voces máis reputadas do panorama europeo. Formada no Musikhochschüle de Karlsruhe, a súa carreira artística iníciase aos 23 anos ao entrar no Ensemble do Aalto Theater de Essen (Alemaña). Dende entón ten tocado nas mellores salas e teatro do continente interpretando, entre os outros, os papeis operísticos de Mimí en La Bohéme, Gilda en Rigoletto, Susanna en Fígaro, ou Pamina en A frauta máxica.

Ao seu carón estará o pianista Stephan Matthias Lademann, especializado no acompañamento a músicos vocais como Siegfried Jerusalem, Edita Gruberova, Sibylla Rubens, Günter Groissböck, Daniella Fally ou Robert Dean Smi. O seu bo facer valeulle obter o premio especial internacional Toblach polo seu rexistro discográfico do ciclo de Gustav Mahler Dás Knaben Wunderhorn, na súa versión orixinal para piano, xunto á soprano Diana Damrau e Iván Paley.

Compartir: