ALCALDÍA

Seis rúas do Ensanche vello mudarán a súa cara con amplas beirarrúas e novos espazos máis habitables

21/04/2009 As rúas Pérez Constanti, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Curros Enríquez e Gómez Ulla, serán reurbanizadas integralmente grazas ao financiamento do Fondo Estatal de Investimento Local. Esta intervención integral dotará ao Ensanche vello de Compostela de espazos máis habitables, con amplas beirarrúas e novos servizos.

A renovación destas seis rúas vai supor "unha optimización do espazo, con novas infraestruturas e amplas beirarrúas dun mínimo de 1,80 metros", apuntou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na presentación do proxecto. Destacou que modelo estético das mesmas será semellante ao de Xeneral Pardiñas e incidiu que, como en outras rúas que se van remodelar, "fixáronse como prioridades, nesta orde, o uso peonil, o circulatorio e o estacionamento".

Ademais, das beirarrúas e da solución dos problemas de rasantes existentes nalgunha confluencia destas rúas, Sánchez Bugallo salientou que se vai aproveitar para cambiar completamente e separar as redes de pluviais e fecais, que ata agora transcorrían en paralelo. Igualmente, vaise aproveitar para soterrar cableados que actualmente circulan exteriormente.

O equipo de Sepia Técnicos, integrado por Roberto, Ángel e Samuel Foguerol Arias, explicaron polo miúdo a configuración futura das seis rúas, que mellorará significativamente a súa imaxe urbana. Como aspecto singular deste cambio compre destacar que o lastrado desaparecerá para deixar paso ao asfaltado nos carrís de circulación.

Antes de que remate 2009
O alcalde anunciou que as obras comezarán antes de rematar o mes de maio, co obxectivo de que estean listas antes do 24 de decembro de 2009. Dúas das obras xa foron adxudicadas e as outras catro irán á Xunta de Goberno do luns 27 de abril. O custe global destas seis actuacións supón uns 2,5 millóns de euros.

Referiuse Sánchez Bugallo aos problemas de tráfico. Recordou o período de dificultades previsto entre xuño de 2009 e xuño de 2010, derivado de todas as obras do Fondo de Inversión Local, das obras do túnel do Hórreo e do comezo das primeiras obras do convenio de travesías.

Tamén pediu comprensión aos veciños. Así llo solicitou persoalmente na reunión mantida con eles para explicarlle as obras. De feito, está previsto que se constitúa unha comisión cun representante dos veciños de cada unha das rúas afectadas, co fin de establecer unha interlocución permanente mentres duren as obras. Desa reunión saíu unha petición dos veciños de manter o dobre sentido no segundo tramo de Curros Enríquez, solución que estudará o Concello.

Compartir: