ALCALDÍA

Os veciños de Fontiñas, concelleiros por un día nun pleno especial

20/04/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu un singular pleno municipal con motivo dos actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas. Nesta ocasión, os concelleiros dos diferentes grupos municipais eran veciños do barrio de Fontiñas.

A orde do día incluíu nesta ocasión temas de interese deste barrio, como o seu novo pavillón ou o nivel de satisfacción coa reforma da rúa de Berlín ou co rexistro auxiliar situado no Centro Sociocultural. Ademais, as veciñas -que eran maioría- e veciños aproveitaron a oportunidade para efectuar as súas reivindicacións, iso si, cunha linguaxe máis directa que a empregada a cotío polos concelleiros reais.

Este acto formaba parte da primeira xornada de portas abertas preparada polo Concello para conmemorar o XXX aniversario das corporacións democráticas. A segunda será o martes 21: primeiro, de 10:00 a 13:00 horas para o alumnado de Primaria da cidade, e logo, de 16:00 a 19:00 horas para o público en xeral.

Tamén o martes 21 de abril, ás 18:00 horas, celebrarase un pleno municipal con escolares do IES Antón Fraguas. O mércores 22, ás 19:00 horas, o alcalde compostelán recibirá ás corporacións democráticas dende 1979 a 2007. Ademais, haberá un recoñecemento expreso aos alcaldes do Concello de Santiago dende 1979: José Antonio Souto Paz (1979-1981), Marcial Castro Guerra (1981-1983), Xerardo Estévez Fernández (1983-1986 e 1987-1998) e Ernesto Viéitez Cortizo (1986-1987).

A continuación, concerto no Auditorio da Real Filharmonía de Galicia coa soprano Mélanie Diener. Antonio Ros Marbà dirixirá á orquestra nun concerto no que se interpretarán obras de Wagner, Strauss e Ravel.

Para rematar cos actos, o xoves 23, ás 20:00 horas, presentarase no auditorio do Museo do Pobo Galego o libro La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. O acto contará cunha actuación musical.

Compartir: