DEPORTES

Santiago acollerá un torneo preparatorio para o Europeo da selección española de baloncesto feminino

20/04/2009 A cidade acollerá o 15 e o 17 de maio dous partidos internacionais, no marco dun torneo preparatorio para o EuroBasket da, selección española de baloncesto feminino. Así se sinala no protocolo asinado polo concelleiro de Deportes, Andrés Fariña; polo presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luís Sáez; e polo presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín. Estes últimos foron recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, con motivo da súa presenza en Santiago.

O Multiusos Fontes do Sar será sede, o 15 de maio, dun partido entre Australia e Cuba, as outras dúas seleccións que participarán no torneo. O 16, España xogará con Cuba en Ferrol. Para pechar o torneo, o 17 de maio, España e Australia enfrontaranse novamente en Sar. Cómpre lembrar que Australia é a actual campiona do mundo e subcampiona olímpica.

Este dous partidos serán preparatorios para o EuroBasket Feminino que se celebrará en Letonia do 7 ao 20 de xuño en Letonia. Neste campionato, España estará encadrada no Grupo A xunto con Ucrania, República Checa e Eslovaquia. No último Europeo, celebrado en Italia en 2007, España foi subcampiona.

O protocolo asinado manifesta o interese do Concello de Santiago por acoller estes dous partidos preparatorios. Deste xeito, tanto o Concello como as federacións española e galega comprométense a asinar os contratos que garantan a realización conxunta destes dous encontros.

Compartir: