XUNTA DE GOBERNO

O Concello estudará a topografía actual da Praza de Galicia cara a súa futura remodelación

20/04/2009 A Xunta de Goberno aprobou a realización dun estudo topográfico da praza de Galicia, destinada a ter unha información necesaria á vista da súa futura remodelación. Entre outros asuntos, ratificou tamén os prazos de admisión da Escola Municipal de Música para o curso 2009/2010 e o proxecto de ordenanza reguladora do Programa de axuda no fogar.

O Goberno local iniciou o expediente de contratación do servizo de elaboración do levantamento topográfico da xeometría actual da praza de Galicia e do aparcadoiro soterrado. Este servizo deberá elaborar tamén un informe pericial da capacidade portante da estrutura do aparcadoiro. O tipo de licitación fixado é de 31.000 euros.

Cómpre recordar que este estudo previo da topografía resulta imprescindible para determinar a capacidade da praza e, máis en concreto, do actual aparcadoiro soterrado, para soportar as futuras construcións da superficie da praza. Cómpre lembrar que a praza de Galicia será remodelada integralmente. Con tal fin, o Concello convocou no seu día un concurso de ideas. Os proxectos gañadores do concurso serven de base para a elaboración do proxecto definitivo.

Educación
En Educación, aprobáronse os prazos de reserva, solicitude e matrícula da Escola Municipal de Música para o curso 2009/2010, así como o procedemento para a súa realización. O prazo de reserva o alumnado actual irá do 3 ao 15 de maio. Estes alumnos poderán matricularse do 20 de maio ao 5 de xuño. En canto ás novas solicitudes, estas poderán presentarse do 20 de maio ao 5 de xuño. Os admitidos poderán matricularse do 8 ao 26 de xuño.

Os interesados deberán entregar as súas solicitudes na propia Escola en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. No caso de haber máis solicitudes que prazas nalgunha especialidade, a admisión realizarase por sorteo público.

Benestar Social
Por outra parte, aprobouse o proxecto de ordenanza reguladora do Programa de axuda no fogar. Esta ordenanza substitúe á existente dende 2001 e adáptase á normativa autonómica na materia. Está dirixida a toda a poboación, co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e precisan asistencia. Proporciónalles unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, doméstico, psicosocial, educativo, técnico e comunitario, prestadas dentro ou fóra do domicilio dende unha perspectiva integral.

A ordenanza describe a tipoloxía das atencións e establece os dereitos e deberes das persoas usuarias. Ademais, establece as modalidades de acceso ao servizo, fixando os requisitos para o outorgamento ou denegación das axudas e os procedementos de coordinación e seguimento para facelas efectivas. Tamén se fixa o réxime económico, os baremos para a determinación dos importes concedidos e os modelos de solicitude.

Igualmente, a Concellería de Benestar Social presentou para a súa aprobación as bases e a convocatoria das bolsas de comedor para alumnos de centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil e primaria obrigatoria do Concello para o curso 2009/2010. O importe total desta convocatoria é de 70.000 euros.

Esta convocatoria ten como fin favorecer a integración socio-laboral dos pais, nais titores ou persoas acolledoras, e a inclusión social dos menores, apoiando á unidade familiar que, por escaseza de recursos económicos, non poden facer fronte ao custo do servizo de comedor. O prazo de presentación das solicitudes será de 10 días a partir do seguinte ao que se publique a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Ademais, tamén dependente de Benestar Social, a UMAD solicitou unha subvención de 31.497 euros á Consellería de Sanidade para a realización de proxectos de investigación-acción relacionados co esforzo global anti VIH/SIDA. En concreto, trátase de proxectos de prevención dirixidos a adolescentes en situación de risco, ao centro titular de menores de educación especial do Pedroso e a usuarios e ex-usuarios de drogas, así como aos programas de rúa e Kamelamos Guinar.

Consorcio
O Goberno local autorizou ao Consorcio de Santiago a realizar as obras de reparación pendentes na rúa de Sar, concretamente no tramo comprendido entre o Olvido e a avenida de Lugo. Unha vez resolto o contrato coa empresa que se encargara da obra, o Consorcio contratará de inmediato a reparación do tramo afectado. Cómpre lembrar que a o órgano interadministrativo determinou unha indemnización por danos e prexuízos de 115.000 euros, como importe estimado para reparar os desperfectos da obra.

Fondo de Investimento Local
No marco do Fondo de Investimento Local, adxudicáronse os servizos de dirección facultativa superior e media e coordinación de seguridade e saúde de tres obras. Trátase da dirección facultativa superior das reurbanizacións da rúa Trinidade (segundo tramo-ámbito do Pazo de Raxoi e a igrexa de San Frutuoso), por 9.524 euros; da rúa Belvís, por 7.843 euros; e do espazo público da rúa do Olvido e contorno, por 13.039 euros.

Tamén se adxudicou a coordinación des seguridade e saúde destas mesmas obras, por importe, respectivamente, de 12.699, 10.457 e 17.386 euros. A todas estas cantidades cómpre engadirlles o IVE.

Promoción Económica
A proposta do concelleiro de Promoción Económica, aprobouse a participación no foro de Comercio Urbano Ágora 2009 e un orzamento para a mesma de 26.013 euros. Este foro celebrarase do 6 ao 8 de maio en Málaga.

Mobilidade
No ámbito da Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá, adxudicouse a substitución de lámpadas de incandescencia por lámpadas de leds nos semáforos dos cruces da avenida de Castelao co Burgo das Nacións, da rúa Hórreo con Pitelos, e da rúa Galeras coa rúa García Sabell, ademais de na praza Ponte Castro e no paso de peóns na semirrotonda da Choupana. O importe desta actuación é de 23.937 euros máis IVE.

Medio Ambiente
Finalmente, determinouse a empresa que subministrará plantas de temporada para axardinamentos da cidade, por importe de 17.994 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: