ALCALDÍA

O Concello convidou os veciños de Santiago a coñecer a súa nova casa

18/04/2009 Comezaron os actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas coa apertura da Casa das Asociacións na antiga estación do tren de Cornes. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou oficialmente as instalacións. Antes, os veciños puideron visitalas nunha xornada de portas abertas.

Durante a xornada do sábado, os veciños puideron visitar libremente a nova Casa das Asociacións. Foi unha xornada lúdica, con xogos inchables, exposicións e diversas actividades. Despois, ás 19:00 horas, celebrouse a inauguración oficial, con intervención do alcalde e música e baile tradicional.

A Casa das Asociacións dispón de 1.200 metros cadrados, divididos en planta baixa, un primeiro e un segundo andar. Ademais da sede da Concellería de Relacións Veciñais, o edificio conta cunha oficina de información asociativa, con despachos e dependencias para o persoal e para as sedes das asociacións usuarias, salón de actos e conferencias, e salas de traballo, talleres e reunións. A Casa xa foi sede do seu primeiro Consello de Relacións Veciñais o 23 de marzo.

Este punto de encontro para o movemento asociativo serve de complemento ás prestacións técnicas e económicas do Concello ao mesmo. Alí haberá actividades formativas (cursos, talleres), informativas (charlas, xornadas, relatorios) e de ocio, así como un fondo de documentación.

O tecido asociativo compostelán está integrado por máis de 400 colectivos inscritos no Rexistro municipal. Cunha maior capacidade de mobilización no rural, as asociacións do municipio destacan polo traballo voluntario das súas directivas, polo seu alto índice de autofinanciamento e pola organización de diversas actividades socioculturais, formativas e deportivas.

XXX aniversario das corporacións democráticas
Este acto era o primeiro do programa que preparou o concello para celebrar o trixésimo aniversario das corporacións democráticas. O luns 20 e o martes 21 están previstas dúas xornadas de portas abertas no propio Concello. De 10:00 a 13:00 horas pasará o alumnado de Primaria da cidade e de 16:00 a 19:00 horas o Concello estará aberto ao público en xeral.

Xa o martes 21 de abril, ás 18:00 horas, celebrarase un pleno municipal con escolares do IES Antón Fraguas. O mércores 22, ás 19:00 horas, o alcalde compostelán recibirá ás corporacións democráticas dende 1979 a 2007. Ademais, haberá un recoñecemento expreso aos alcaldes do Concello de Santiago dende 1979.

Para rematar cosa actos, o xoves 23, ás 20:00 horas, presentarase no auditorio do Museo do Pobo Galego o libro "La vida musical en Santiago a finais del siglo XIX". O acto contará cunha actuación musical.

Compartir: