ALCALDÍA

O Parlamento Centroamericano convida ao alcalde a unha visita en recoñecemento ao compromiso do Concello coa área

17/04/2009 O representante do Parlamento Centroamericano ante a Unión Europea, Ricardo Lagos, e o presidente da Conferencia Eurocentroamericana, David Balsa, foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na súa visita expresaron o seu recoñecemento ao compromiso do Concello coa área de Centroamérica-Caribe.

O alcalde agradeceu este ofrecemento, que podería aproveitarse de acordo cos plans municipais de visitar San Salvador e Gracias (Honduras), as dúas vilas centroamericanas onde se están a acometer os proxectos gañadores das dúas primeiras edicións do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, convocado polo Consorcio.

Na súa conversa con Sánchez Bugallo, os dous dirixentes –de visita oficial en Galicia– expresaron o seu apoio á iniciativa panameña de crear a Casa Iberoamericana da Cultura na Cidade da Cultura. O alcalde indicou que se trata dunha "oportunidade extraordinariamente interesante" para que Santiago sexa "ponte da relación entre España e América Latina". Anunciou que este tema podería ser tratado no Cumio Hispanoamericano que se celebrará en Lisboa en 2010 e expresou a súa confianza na receptividade dos gobernos español e galego á iniciativa.

Ricardo Lagos preside o Parlamento Centroamericano, institución con cometidos semellantes ao Parlamento Europeo, formada por deputados electos dos estados de Guatemala, panamá, El Salvador, Honduras, Nicaragua e República Dominicana, cunha representación de México como observadores.

A Conferencia Eurocentroamericana, presidida por David Balsa, é un proceso de diálogo político entre a Unión Europea e os estados de Centroamérica e do Caribe, estruturada nunha serie de conferencias intergubernamentais periódicas. O seu obxectivo é intensificar as relacións políticas, económicas e culturais entre a Unión europea e a área de Centroamérica-Caribe.

Compartir: