MEDIO AMBIENTE

"Vive a Primavera" ofrece un completo programa de visitas guiadas polos espazos naturais da cidade

16/04/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, presentou a segunda edición do programa Vive a Primavera, que ten como obxectivo a posta en valor dos espazos naturais de Compostela. Estas actividades deseñáronse inicialmente para atender ás necesidades do alumnado dos centros de ensino, máis son abertos a toda a cidadanía. Calquera grupo de persoas que o desexen pode solicitar unha visita guiada.

Elvira Cienfuegos explicou que "na edición do ano pasado máis de 500 alumnas e alumnos de diferentes niveis educativos participaron neste programa de visitas" e engadiu que "como novidade, este ano ofrecemos o roteiro polo río Tambre, un espazo considerado lugar de interese comunitario polos seus valores ambientais. Ademais mantemos a posibilidade de visitar os ríos Sar, Sarela e Corvo". Xa falando sobre as visitas guiadas aos parques, a concelleira salientou que se poderán visitar "os parques da Alameda, Bonaval-Belvís-Almáciga, Granell e Pablo Iglesias-Bouza Brei-Ponte Mantible, entre outros".

Santiago conta cunha gran superficie e unha gran diversidade de zonas verdes, que cumpren unha importante función ambiental tanto no referido á infiltración da auga como a purificación do aire ou a calidade paisaxística. En palabras de Elvira Cienfuegos "nos parques de Compostela hai árbores procedentes dos cinco continentes, algúns con flores moi vistosas e outros que inclusive teñen froitos comestibles". Ademais, "en moitos deles a auga xoga un papel fundamental e preponderante, como no Parque de Galeras onde o río Corvo se deita no Sarela", engadiu.

Para a concelleira, "é moi importante coñecer para valorar, para protexer, para conservar, para apreciar. Velaí o obxectivo destas actividades, podermos coñecer os espazos naturais de Santiago para poder valoralos e ser conscientes da necesidade da súa protección e conservación".

Visitas e roteiros guiados
Vive a Primavera desenvólvese fundamentalmente dende o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns situado na Alameda, que neste pasado inverno atendeu a máis de 600 persoas de diferentes procedencias de Santiago, Galicia, Portugal, Asturias, Castela, Andalucía, País Valenciano, Inglaterra, Venezuela, Arxentina, Francia, Alemaña, Xapón... repartindo material informativo e divulgativo e informando sobre a fauna e flora da cidade

Os grupos interesados (dun máximo de 25 persoas ou grupo/aula) poderán solicitar o día da semana no que prefiran facer a visita e nun horario de 10:00 a 14:00 horas. Unha vez confirmado o horario e día solicitado, a visita comezará e rematará no punto do parque ou río que se lles indicará. O propio Departamento de Medio Ambiente xa se ten posto en contacto cos centros de ensino para, no caso do alumnado, indicarlles a oferta destas visitas.

Documentos relacionados



Compartir: