EMPREGO

Promoción Económica realiza unha enquisa para detectar as necesidades formativas do ámbito laboral e empresarial

15/04/2009 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego acaba de subir á portada da súa páxina web www.maiscompostela.org unha enquisa de necesidades formativas. Este cuestionario ten un dobre obxectivo: detectar as necesidades de formación do mercado laboral e ofrecer ao empresariado, a persoas ocupadas e desempregadas e a persoas emprendedoras, a posibilidade de escoller o tipo de formación que precisan para incrementar a súa promoción laboral, mellorar os recursos humanos das empresas e, deste xeito, incrementar a productividade e competitividade das mesmas.

A Enquisa de detección de necesidades formativas estructúrase en 13 preguntas, divididas en dúas partes. A primeira corresponde aos datos persoais. A segunda refírese específicamente ás necesidades formativas do/da enquisado/a.

A primeira parte consta de seis preguntas, que permiten establecer o pefil da persoa que está cubrindo o cuestionario: sexo, idade, estudos, situación laboral, sector no que desenvolve a súa actividade, etc.

A segunda parte consta de sete preguntas. As duas primeiras, horarios e modalidade de formación (presencial ou por teleformación) pídense para facilitar a asistencia das persoas interesadas aos cursos que se programen nun futuro, e que poidan compatibilizar, na medida do posible, a formación coas súas obrigas laborais e familiares. A continuación establécense unha serie de cinco preguntas para que a persoa interesada indique as súas preferencias formativas en cinco áreas distintas: empresa, informática, idiomas, comercio e oficios. Pódese escoller entre unha serie de cursos propostos pola Concellaría de Promoción Económica atendendo ás peticións das empresas e/ou propor outro tipo de accións formativas nun campo aberto que hai ao final de cada unha das preguntas.

Unha vez rematada a enquisa existe a posibilidade de que a persoa que a cubriu deixe os seus datos para enviarlle, no futuro, información sobre os cursos que finalmente, imparta a Concellaría de Promoción Económica.

Compartir: