XUVENTUDE

Semana de concertos con Millencolin e coa primeira entrega do certame "MúsicaXove"

14/04/2009 A Concellería de Xuventude trae esta semana unha dobre proposta musical. Por un lado, o venres 17 de abril chega á Sala Capitol, no marco do Ciclo Importa, o grupo sueco Millencolin. Un día antes, comeza no mesmo lugar a segunda edición do certame MúsicaXove.

O concerto de Millencolin foi presentado no Teatro Principal polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, e por Raquel Seijo, de Sweet Nocturna, produtora da actuación. A cita é o venres 17 ás 22:00 horas na Sala Capitol. Xa se esgotaron as entradas postas á venda por Internet e quedan só unhas 150 para vender no despacho de billetes.

Recordou Baqueiro que este é o cuarto concerto do Ciclo Importa, iniciado aló por outubro de 2008. Dende entón, pasaron pola Sala Capitol os grupos dEUS, Mogol Bordello e Tindersticks. Agora chegan os suecos Millencolin cun concerto que o concelleiro cualificou como "frenético e contundente". É a súa primeira actuación en Galicia. Como teloneiros estarán os americanos Far From Finished.

Raquel Seijo, de Sweet Nocturna, destacou a boa acollida que están tendo os concertos do Ciclo Importa tanto a nivel de público como de repercusión nos medios. En especial recordou a actuación de Gogol Bordello, que esgotou as localidades. "O obxectivo é traer grupos de referencia en distintos estilos musicais", apuntou. Ao mesmo tempo, engadiu Baqueiro, "estas actuacións son un anticipo dos concertos que teremos no 2010".

Concerto de metal no MúsicaXove
O xoves 16, ábrese MúsicaXove’09 na Sala Capitol. co primeiro dos concertos, dedicado ao metal. Concursarán os grupos Soño Eterno (Santiago), The Weak Force (Santiago) e The Codename (Santiago). Tocarán a partir das 22:00 horas.

A seguinte entrega será o 23 de abril, coas actuacións dos grupos de hip hop Tramaturgia (Santiago), Mito Escrito (Santiago) e Bronquitis Crónica (Santiago). A última xornada musical do certame será o xoves, 30 de abril, momento no que os tres grupos de pop-rock participantes, Frab Fly (Santiago), Agoraphobia (Boiro), e Sinestesia (Santiago) interpretarán os seus temas. De seguido, actuarán Perpetradores de Actos (Pontevedra), Liridade Noctámbula (Santiago) e Roberto Sobrado (Santiago) na categoría de autor-folk.

Millencolin
Millencolin é un dos grupos máis queridos e respectados do hardcore melódico. Dende Suecia levan anos facturando grandes clásicos e aumentando a súa lista de seguidores a base de percorrer medio mundo.

Nikola Sarcevic (baixista e vocalista) xunto con Mathias Färm e Erik Ohlsson (guitarristas), formaron a banda en 1992, para que en 93 se lles unira Fredrik Larzon (batería). O nome, un derivado do truco de skate Melancholy. A súa intención, tocar temas dos grupos que escoitaban e que máis lles influíron (Operation Ivy, Nofx, Pennywise, Circle Jerks, Misfits).

Levan anos compartindo escenario nos principais festivais con grandes nomes como Bad Religión, Metallica, Red Hot Chili Peppers, System of a Down ou Rage against the machine, entre outros. En 2008 publicaron o seu oitavo disco de estudio, Machine 15, co que volven a embarcar nunha xira mundial que os traerá a Santiago para participar no Ciclo Importa.

Direcciones relacionadas



Compartir: