XUNTA DE GOBERNO

Vía libre ao comezo de sete novas obras do Fondo de Inversión Local

14/04/2009 A Xunta de Goberno elevou a definitivas as adxudicacións de sete obras das financiadas a través do Fondo de Inversión Local. En concreto, trátase da obras a realizar no núcleo de Canteira (San Lázaro); das urbanizacións da rúa Raiola, Meixonfrío e Cancelas; das obras de abastecemento en Pontepedriña e na Almáciga e do proxecto de novo local para Protección Civil no Estadio de San Lázaro.

Entre as obras adxudicadas destaca polo seu importe 893.459 euros máis IVE, a da ordenación funcional no núcleo de Canteira (San Lázaro). Esta actuación, que durará sete meses, ocupará a un total de 40 persoas, das cales 32 están integradas na empresa adxudicataria e oito son persoal de nova contratación.

Outra importante obra permitirá reurbanizar as beirarrúas nas Cancelas. Investiranse 603.448 euros nunha intervención que se prolongará durante 189 días, nos que traballarán 28 persoas, oito delas de nova contratación. Tamén se mellorarán as beirarrúas en Meixonfrío, grazas a unha obra adxudicada por 406.562,86 euros e un prazo de execución de 162 días. 21 persoas serán neste caso as empregadas, 6 delas novas. Ademais, urbanizarase en cinco meses a rúa da Raiola por un importe de 327.732 euros. Cinco traballadores serán contratados para unirse aos 32 da empresa adxudicataria.

Abastecemento e novo local para Protección Civil
En canto a obras de abastecemento, ratificouse a renovación da rede de abastecemento e beirarrúas en Pontepedriña. A actuación ten un orzamento de 456.487 euros e un prazo de execución de 162 días. Para a execución desta obra o adxudicatario ocupará un total de 26 persoas, das que seis son persoal de nova contratación. Tamén se reparará en 189 días a cuberta dos depósitos da Almáciga, por importe de 332.213 euros e dando emprego a 18 persoas en total (3 novos contratados).

Finalmente, acometerase por 306.452 euros a habilitación dun novo local para Protección Civil no Estadio de San Lázaro. 24 persoas -9 contratadas expresamente para esta obra- traballarán para este local estea listo en catro meses e medio.

Dirección de obras
Tamén se adxudicaron definitivamente as direccións de obra de varias actuacións máis: a reurbanización da rúa Londres, a reurbanización dun tramo da avenida de Vilagarcía-García Prieto-Sánchez Freire e da reforma e acondicionamento de edificios da rede de centros socioculturais. Igualmente, determinouse a dirección facultativa superior e a coordinación de seguridade do devandito proxecto do núcleo da Canteira e da urbanización da rúa Curros Enríquez.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, iniciouse a contratación do servizo de adaptación da cartografía municipal a un modelo de datos para a súa transformación en formato GIS, cun tipo de licitación de 30.172 euros. Neste mesmo sentido, vaise contratar un servizo para mudar a cartografía municipal escala 1:500 en formato CAD a formato GIS, por un importe de 56.034 euros.

Ademais, déuselle conta á Xunta de Goberno da sinatura do protocolo entre o Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia para a construción do edificio destinado á Escola oficial de idiomas. En virtude deste acordo, o Concello cede unha parcela de 6.209 metros cadrados situada no SUP-5 da Choupana.

Igualmente en Urbanismo, aprobouse o prezo xusto da parcela 14 do expediente de expropiación do Plan parcial do SUNP-22 de Castro de Abaixo, quedando en 81.471 euros. Confírmase tamén a aprobación definitiva do proxecto de expropiación deste Plan Parcial. Finalmente, aprobouse definitivamente o proxecto de equidistribución do SUNP-13 do vieiro da Estrada.

Relacións Veciñais
No ámbito de Relacións Veciñais, aprobouse un orzamento de 17.995 euros para a realización do programa Coñecendo o país. Esta iniciativa está dirixida ás entidades veciñais, que poden optar ata a dúas excursións das propostas, dun día de duración e a desenvolver en fin de semana ou festivos. O Concello sufraga o 60% do custo destas viaxes.

Infraestruturas
En Infraestruturas, iniciouse o expediente de contratación das obras de reforzo do firme na vía pública M-28-V, en Mourentán. Esta obra, cun tipo de licitación de 92.355 euros, está incluída no Plan de Obras da Deputación Provincial da Coruña.

Educación
A proposta da Concellería de Educación, aprobouse un orzamento de 36.000 euros para obras de mantemento dos centros escolares. En concreto, destinaranse 18.000 euros a traballos xerais de albanelería, carpintería, electricidade ou pintura. O resto irá para traballos de fontanería.

Bombeiros
Así mesmo, deuse conta á Xunta de Goberno da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia en materia de prevención e extinción de incendios e salvamento. Este acordo establece as bases da contribución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao financiamento da ampliación do cadro de persoal do Parque de Bombeiros de Santiago, derivado no seu día da transformación do mesmo en comarcal (medida anulada posteriormente por sentenza xudicial). O custo destes efectivos para o ano 2009 cífrase en 522.588 euros, dos que a Consellería achega o 40%.

Festa dos Maiores
Finalmente, aprobouse por urxencia o prego de cláusulas administrativas e o inicio do expediente de contratación do servizo de celebración da Festa dos Maiores 2009. Destínanse á mesma 46.728 euros.

Documentos relacionados



Compartir: