PLENO

O auditorio do Preguntoiro podería estar listo en xullo do ano 2010

14/04/2009 Cos votos favorables dos tres grupos municipais, o Pleno aprobou definitivamente a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1). Este cambio ten como obxecto autorizar o uso sociocultural do inmoble do número 23 do Preguntoiro, onde Caixanova construirá un auditorio.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, pechou o Pleno anunciando que, nas conversas mantidas co presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, este se comprometeu a que "se teñen a licenza en maio, eles terán listo o auditorio en xullo do ano que vén". Á visa deste compromiso, o alcalde valorou a conveniencia de traballar para reducir uns prazos que ata agora se cumpriron lentamente neste proceso.

A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, explicou que o cambio no Plan Especial responde á necesidade de adaptar o inmoble do Preguntoiro ao novo uso proxectado, xa que ata agora se prevía unicamente o uso comercial. Indicou que esta decisión de ampliación de usos se xustifica "por motivos de interese público, de diversificación da actividade da cidade histórica e de dinamización sociocultural da zona".

Plan Xeral
No mesmo Pleno tomouse en coñecemento a aprobación do texto refundido da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, da súa publicación e da súa entrada en vigor. O texto completo e toda a documentación poden consultarse nesta páxina web.

Tanto o alcalde como a concelleira de Urbanismo destacaron que o de Santiago é o primeiro Plan Xeral adaptado na súa totalidade á nova normativa. Apuntou tamén Sánchez Bugallo que é un Plan "modélico" tanto tecnicamente como dende o punto de vista da participación cidadá.

Compartir: