CULTURA

Compostela, capital mundial da maxia na III Semana Internacional do Ilusionismo

13/04/2009 Presentouse en Raxoi Compostela Máxica 09. III Semana Internacional do Ilusionismo', que se celebrará do 19 ao 25 de abril e achegará á cidade os mellores magos galegos e internacionais. Santiago convértese así durante unha semana na capital mundial da maxia.

Na presentación de Compostela Máxica, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, destacou a solidez do certame que, logo de tres exitosas edicións, se converteu en todo un referente no mundo do ilusionismo a nivel internacional. Segundo sinalou, Compostela Máxica pretende "achegar un xeito diferente de entender a cultura a toda a cidadanía, visitando, entre outros espazos, as rúas e prazas da cidade, escolas e hospitais, garantindo que a maxia e a ilusión chegue a pequenos e maiores" e a aqueles que adoitan ter dificultades para se acercar aos eventos culturais.

O director de Compostela Máxica 09, o Mago Antón, foi o encargado de debullar o programa desta terceira edición do certame, onde destacan a cantidade e a calidade dos espectáculos, nos que o ilusionismo galego e as mulleres magas ocuparán unha posición central. A III Semana Internacional do Ilusionismo botará a andar o domingo 19 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal, cunha gala inaugural conducida polo coñecido e televisivo mago Jorge Blass, quen ofrecerá o seu número A arte da maxia.

A partir desta data e ata o sábado 25 a maxia encherá rúas, prazas e centros culturais da cidade. Todas as mañás, no Teatro Principal, celebraranse sesións escolares que teñen a función de amosar aos máis pequenos as distintas disciplinas que compoñen a arte do ilusionismo. O Mago Cali, Jessica, Luis Manuel, e Myster Yurgen serán os encargados de enfeitizar coa súa maxia aos nenos e nenas de Compostela.

Maxia na rúa, galas familiares e o Magomóbil
Xa polas tardes, prestixiosos ilusionistas especializados na maxia de rúa visitarán diferentes prazas da cidade, convertendo Compostela nun escenario privilexiado da maxia internacional. O Mago Norberto, Kayto, Mark Mitton e Peter Wardell ofrecerán diversos espectáculos na praza Roxa, as Praterías e o Toural.

Cada noite, cara ás 20:30 horas, terá lugar unha gala familiar no Teatro Principal, no que os mellores magos galegos ofrecerán cadanseu espectáculo dirixido a toda a familia. Dani García, Martín Carmiña, o Mago Marttyn e o Mago Teto serán os protagonistas destas funcións. A oferta de Compostela Máxica 09 complétase coa maxia nocturna no Dado-Dadá, cos espectáculos nos centros hospitalarios, ou co Magomóbil, un punto de encontro coa cidadanía no que se poderá obter información do certame e no que haberá un mago de garda: Martín Carmiña.

Mais segundo salientou o Mago Antón, "a guinda do pastel poñerase os días 24 e 25 de abril no Auditorio de Galicia coa Gala Internacional de Compostela Máxica, na que se darán cita as maiores figuras da maxia internacional e no que as mulleres magas terán especial protagonismo, coa intervención da venezolana Tina Lenert e da alemana Roxanne". A gala, que vai ser conducida polo mago Luis de Matos, complétase coas actuacións do norteamericano Mike Caveney, Junge Junge (Alemaña), Mark Kalin & Junger (USA) e o galego Román García.

Direcciones relacionadas



Compartir: