ALCALDÍA

Santiago, protagonista do luns de Pascua de Padrón

13/04/2009 As festas da Pascua de Padrón dedicaron un día a Santiago como en cada edición. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a Corporación municipal desprazáronse ata esta vila para vivir cos seus veciños esta tradicional celebración.

O rexedor padronés, Camilo Forján, recibiu á delegación compostelá. Despois dos saúdos protocolarios e do intercambio de bastóns, as corporacións dos dous concellos saíron ao balcón do consistorio padronés para saudar aos veciños.
Tamén dende o balcón, escoitaron as notas musicais interpretadas polas bandas municipais de Padrón e de Santiago. Para esta ocasión, a formación compostelá tiña preparado un repertorio integrado pola marcha Alfaia, de Casiano Mouriño; polo poema sinfónico Los Preludios, de F. Liszt; pola Rapsodia Galega nº 1, de E. García Rei; e polo pasodobre Ponteareas, de R. Soutullo.

A tradicional irmandade entre Santiago e Padrón ten a súa correspondencia co Día de Padrón que cada ano se celebra no transcurso das festas do Apóstolo. Estes dous días son sempre un bo motivo para reafirmar os lazos entre as dúas vilas, que se estenden a ámbitos coma o medio ambiente, a cultura ou o turismo.

Compartir: