INFRAESTRUTURAS

Adxudicada a obra do polideportivo Quiroga Palacios unha vez reparado o erro detectado

08/04/2009 Unha Xunta de Goberno extraordinaria adxudicou provisionalmente as obras de mellora e rehabilitación do polideportivo Quiroga Palacios, unha vez reparado o erro detectado tras a adxudicación feita na Xunta de Goberno do 30 de marzo.

A adxudicación produciuse unha vez que a Mesa de Contratación examinou exhaustivamente o informe técnico presentado polos técnicos municipais. Do mesmo concluíuse que existía un erro, que inicialmente propiciou que a obra fora adxudicada a unha empresa con menor puntuación que a finalmente adxudicataria. Así o explicou o concelleiro de Infraestruturas e presidente da mesa de contratación, Bernardino Rama.

O edil indicou que o erro se producira por unha incorrecta aplicación da puntuación derivada do número de horas e persoas a empregar na obra. Escoitados os técnicos municipais na Mesa de Contratación, esta decidiu por unanimidade elevar a definitiva a adxudicación provisional da obra á empresa Construcciones en Piedra Sigrás S.L.

Bernardino Rama explicou que unicamente se tratara dun "erro numérico" e que os técnicos "fan informes técnicos, non políticos". Neste sentido, reiterou a súa "confianza plena nos técnicos municipais, que están a traballar arreo para cumprir os prazos do Fondo de Inversión Local". Indicou finalmente que todas as decisións sobre esta obra se adoptaron por unanimidade en todas as mesas de contratación, unha mesa transparente na que, dixo, "está presente a oposición por iniciativa do propio Goberno municipal, que non ten a obriga de facelo".

Compartir: