CIDADE HISTÓRICA

Ponse en marcha o novo Programa de Apoio a Proxectos Singulares na Cidade Histórica

07/04/2009 A Xunta de Goberno aprobou o programa, a convocatoria e as bases reguladoras do programa de Apoio a Proxectos Singulares na Cidade Histórica. Trátase de ampliar o vixente esquema cun novo programa tendente a enriquecer a diversidade de usos mediante a introdución de usos innovadores, complementarios do principal e compatibles e coherentes coa singularidade da Cidade Histórica. Está dotado con 400.000 euros.

Neste novo Programa concíbese a Cidade Histórica como un espazo de oportunidade no que é posible, e mesmo desexable, conxugar os usos tradicionais coa introdución de novas actividades, tales como a sociocultural, a asistencial, a comercial, a artesanal e outras, preferentemente destinadas a atender as necesidades dos residentes. Este programa concrétase no establecemento dunha liña de axudas consistente en subvencións e asesoramento técnico das actuacións de rehabilitación dos inmobles destinados a acoller estas actividades. As axudas formalizaranse mediante convocatorias anuais, en cuxas bases se valorarán os distintos proxectos en función dos obxectivos indicados.

No seu inicio, os programas de rehabilitación da Cidade Histórica orientáronse á conservación e recuperación do parque de vivendas por entender que ese era o uso que cumpría afianzar xa que daquela, no ano 1994, constatábanse serias ameazas da supervivencia das vivendas como consecuencia dun incipiente proceso de terciarización. Transcorridos 15 anos desde ese comezo, pode afirmarse que se alcanzou o obxectivo de consolidar o uso de vivenda na Cidade Histórica. Durante ese período, realizáronse ao abeiro dos diferentes programas unhas 1.300 actuacións por un importe global dun 35 millóns de euros, dos que se subvencionaron aproximadamente uns 10 millóns.

A estas cifras débense engadir as actuacións levadas a cabo sen axudas públicas que fan que, en conxunto, os recursos financeiros mobilizados para a rehabilitación do parque de vivendas da Cidade Histórica durante os últimos quince anos estea no contorno dos 80 millóns de euros, cos que se rehabilitaron, en maior ou menor grado, unhas 3.000 vivendas, o que supón case a metade das existentes.

Pero se a vivenda conseguiu normalizarse como o uso principal da Cidade Histórica, non pode dicirse o mesmo doutros usos complementarios e compatibles con ese uso principal. Usos tradicionais, coma o pequeno comercio, os oficios artesanais, as actividades ou servizos profesionais e, en xeral, todos aqueles destinados a fornecer a demanda local, están sendo desprazados por outros que en grande medida veñen da man do turismo de masas: tendas de recordos, negocios de hostalería... Por iso, dende o departamento de cidade Histórica quérese potenciar que aparezan outras actividades que contribúan a dar servizo a todos e todas as que viven na Cidade Histórica e a convertela en algo máis vivo e dinámico.

Así nace este programa, que coexistirá cos xa existentes; o programa principal de rehabilitación de vivendas, financiado con cargo aos Plans de Vivenda; o complementario de locais e os tres financiados polo Consorcio de Santiago: o Programa de axudas ao mantemento de edificios, o de Rehabilitación de elementos especiais de madeira e o Programa de Rehabilitación de edificios tutelados.

Compartir: