XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas outras oito obras do Fondo de Inversión Local

07/04/2009 A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente outras oito obras das financiadas polo Fondo de Inversión Local. Estas actuacións darán traballo a 271 persoas, das que 86 serán de nova contratación.

Entre os contratos adxudicados salienta polo seu importe, 2.155.172 euros máis IVE, o da reurbanización da rúa Londres, cun prazo de execución de 216 días. Para a execución desta obra o adxudicatario ocupará un total de 53 persoas, das cales 20 serán de nova contratación.

Xa presentado anteriormente o proxecto, tamén se adxudicou a reurbanización do tramo que comprende a avenida de Vilagarcía e as rúas García Prieto e Sánchez Freire, en Conxo. O investimento ascende a 1.293.103 euros máis IVE e o prazo de execución é tamén de 216 días. Esta obra implicará 15 novas contratacións entre o total de 40 traballadores previstos.

Outras obras de reurbanización adxudicadas son as das rúas do Olvido (862.069 euros e sete meses e seis días de prazo); Curros Enríquez (731.835 euros e 162 días); Trinidade, no ámbito do Pazo de Raxoi e da igrexa de San Fructuoso (629.685 euros e 216 días); Belvís (518.521 euros e 216 días); e Pérez Constanti (307.353 euros e cinco meses). A realización destas cinco obras permitirá dar traballo, respectivamente a 41 (19 novas), 40 (15 novas), 22 (8 novas), 20 (6 novas) e 39 persoas (7 novas).

A lista de obras adxudicadas complétase coas de reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Laraño por importe de 344.827 euros máis IVE e un prazo de execución de 6,3 meses. O adxudicatario ocupará 16 persoas, das que 6 son de nova contratación.

Ademais, a Xunta de Goberno acordou convocar de novo a mesa de contratación para analizar a licitación das obras do polideportivo Quiroga Palacios. Procederase así a un exame exhaustivo do informe técnico e, de ser o caso, procederase ás subsanacións ás que houbese lugar.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, procedeuse a aceptar a cantidade ofrecida en concepto de prezo xusto polo Ministerio de Fomento no proxecto de expropiación de terreos para ampliar a autovía a Lavacolla. Este prezo aceptado é de 38.817 euros por cinco parcelas. Cedidas estas, o Ministerio pode acometer as obras.

Por outra parte, aprobouse un novo convenio entre a Universidade de Santiago e o Concello para colaborar no desenvolvemento da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación 2008-2009. Está é xa a cuarta edición deste Máster, que ten como finalidade a formación e especialización de profesionais en relación coa renovación urbana e a rehabilitación.

Ademais, no capítulo de licenzas, cómpre destacar a concesión de autorizacións para 98 vivendas en edificios. 48 destas vivendas sitúanse en dous edificios no SUNP-12 de Lamas de Abade, e outras 42 na rúa da Raxeira. As oito restantes serán apartamentos na rúa de Betanzos.

Benestar Social
A Xunta de Goberno aprobou tamén a sinatura de dous novos convenios en materia de Benestar Social para o 2009: un coa Cociña Económica e outro co Colexio de Avogados de Santiago. En virtude destes acordos, o Concello achegará a estas entidades 20.208 e 5.000 euros, respectivamente.

A achega do Concello permitirá colaborar no programa da Cociña Economía para garantir as necesidades de manutención básica a persoas sen recursos. No caso do Colexio de Avogados, o obxectivo do convenio é a implantación dunha quenda de letrados especializados en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento na vía administrativa previa, que na actualidade quedan fóra da xustiza gratuíta.

Outro convenio ao que se lle deu o visto bo é o que permitirá a posta en funcionamento en Santiago do programa Xantar na Casa para 50 usuarios entre os meses de maio e decembro. O acordo asínase entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O gasto aprobado é de 22.314 euros.

Este Programa presta un servizo de comida a domicilio que garante unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes, en risco de exclusión social ou con déficits de autonomía persoal.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobouse a posta en marcha do Programa de actividade física adaptada, cun orzamento de 12.288 euros e dirixido ás asociacións locais que agrupan a persoas con algún tipo de discapacidade.

Patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, a actividade contará cun módulo acuático (responsabilidade de XADE) e outro seco (impartido pola empresa Adestravida). Grazas a este Programa traballaranse periodicamente aspectos como a psicomotricidade ou as habilidades motoras, perceptivas e sociais, sempre dende un punto de vista recreativo.

Cultura
No ámbito de Cultura, acordouse solicitar unha subvención ao Ministerio de Cultura para o Festival Internacional de Curtametraxes "Curtocircuíto". Demándase unha cantidade de 60.000 euros para este certame, que pasa a ser organizado por Cultura, tras anos baixo a responsabilidade de Turismo.

Medio Ambiente
Finalmente, elevouse a definitiva a adxudicación do Servizo de conservación e mantemento do parque de Salgueiriños, por un importe de 70.572 euros máis IVE. Cómpre lembrar que o mantemento deste espazo está reservado a centros especiais de emprego.

Documentos relacionados



Compartir: