MERCADOS

Amio, segundo mercado de gando do Estado

03/04/2009 O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, presidiu en Talavera de la Reina, a reunión semestral da Asociación Española de Mercados de Gando (ASEMGA), na que se deron a coñecer os datos do sector no ano 2008. Desta memoria despréndese que a nosa cidade segue situada na segunda posición en canto a movemento total de cabezas de gando ovino, vacún, equino e porcino.

Nun momento de acusada crise, cunha importante baixada no movemento das feiras de gando de toda España, Santiago mantívose con 117.900 cabezas no ano 2008, superada tan só por Pola de Siero con 133.000 cabezas. No terceiro posto está Torrelavega (110.000), seguida de Silleda (61.000), Salamanca (29.000), Castro de Rei (36.000), Medina do Campo (23.000); León (22.000) e Talavera, que permaneceu pechado en 2008.

As cifras totais do sector indican unha forte diminución das ventas de gando, que se aprecian na evolución desde o ano 96, no que se venderon 1.560.000 cabezas de gando; ata o 2008, que arroxou unhas cifras de movemento 542.000 cabezas (cifras totais de gando ovino, vacún, equino e porcino).

A reunión tamén serviu para debater a estratexia a seguir no ano 2009 respecto á enfermidade da lingua azul, dentro do marco da relación das diferentes administracións cos mercados. Ademais, dende a asociación promoverase a formación continua dos gandeiros para que poidan actualizar os seus coñecementos e poñelos en práctica nas súas explotacións. Os cursos faranse en colaboración coas respectivas autonomías.

Por último, na reunión anunciouse a celebración do 1º Encontro sobre Protección e Benestar Animal, que terá lugar en maio en Talavera de la Reina.

Compartir: