ALCALDÍA

Santiago aspira a ser sede dun congreso europeo de xornalistas en 2010

04/04/2009 A presidenta da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), Magis Iglesias, foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na reunión tamén participou a Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), encabezada polos seu presidente, Luís Menéndez.

No encontro falouse, entre outras cuestións, da posibilidade de que Santiago organice en 2010 un congreso de xornalistas europeos, auspiciado pola Federación Internacional de Xornalistas (FIJ), que representa a 600.000 xornalistas de todo o mundo. Precisamente, o presidente da APSC, Luís Menéndez, vén de regresar de Bruxelas, onde puido falar sobre estes posible congreso co presidente da sección europea da FIJ, Arne König. A decisión podería tomarse no mes de maio. Outro asunto tratado foi a creación dun premio xornalístico.

A recepción foi tamén o primeiro encontro institucional co alcalde da nova presidenta da FAPE tras a súa elección o 20 setembro de 2008. Magis Iglesias está en Santiago para impartir unha conferencia na Universidade baixo o título "Parlamento, sitio distinto", sobre a información política que se realiza dende as propias Cortes.

Magis Iglesias (Vigo, 1956), redactora xefa de Política da Axencia Colpisa e comentarista dos programas Hoy por hoy, da Cadena Ser, e Los desayunos de TVE, é a primeira muller que accede á presidencia da FAPE nos seus 86 anos de historia.

Compartir: