CONSORCIO

O Consorcio de Santiago descobre a policromía do primeiro dos retablos da capela xeral de Ánimas

04/04/2009 A recuperación do primeiro dos retablos restaurados polo Consorcio de Santiago na igrexa de Ánimas pode contemplarse dende o sábado 3 de abril con motivo do inicio da Semana Santa. Foi nun acto público celebrado neste convento.

A este acto de descubrimento do retablo asistiu o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ademais, a violoncello coprincipal da Real Filharmonía de Galicia, Bárbara Switalska, interpretou un extracto da Suite nº 3 de J. S. Bach..

O retablo restaurado representa "A caída" de Xesús dentro do conxunto iconográfico do Vía Crucis realizado por Manuel de Prado, entre 1804 e 1814, en estuco de xeso aplicado sobre ladrillo e posteriormente policromado.

Este retablo foi un dos tomados como mostra para o estudo que o Consorcio levou a cabo a raíz dun convenio realizado en colaboración co Opificio delle Pietre Dure (OPD) de Florencia (Italia). En vindeiras datas estará rematada a recuperación do segundo retablo, "Lamentación sobre Cristo morto". Ao tempo, o Consorcio sacará a licitación as obras dos sete restantes cun orzamento de 300.000 euros. O obxectivo, en palabras do alcalde, é "trasladar ás futuras xeracións un patrimonio que non debe perderse".

Compartir: