ALCALDÍA

O alcalde viaxa a Poitiers para presidir o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

02/04/2009 O alcalde compostelán viaxou á cidade francesa de Poitiers para presidir o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. No encontro debateranse as contribucións dos territorios atlánticos ao escenario da crise e presentaranse as achegas da CCAA ao Libro Verde sobre as Redes de Transporte Transeuropeas.

A sesión do Buró Executivo dará comezo o venres 3 ás 9:00 horas, aínda que os actos comezarán na xornada anterior, ás 18:30 horas, no Concello de Poitiers, onde o alcalde presidirá a apertura do Buró. No marco da mesma terá lugar a conferencia inaugural "A cidade do futuro, vivir e gobernar os territorios", impartida por Martin Vanier, xeógrafo e profesor no Instituto de Xeografía Alpina da Universidade Joseph-Fournier de Grenoble (Francia).

Xa na xornada do venres 3, debateranse as perspectivas de futuro das cidades atlánticas dentro do marco da crise global e falarase do papel que van xogar estes territorios en cuestións clave como o transporte. A este respecto presentarase o proxecto de contribución da CCAA (Conferencia de Cidades do Arco Atlántico) ao Libro Verde sobre as Redes de Transporte Transeuropeas.
Dende 2004, o Arco Atlántico está implicado en varios proxectos que deben contribuír a alcanzar os obxectivos principais: mellorar as conexións por estrada e ferroviarias Norte-Sur da fachada atlántica e participar na redución das emisións de CO². Entre os proxectos seleccionados figuran o Eixo ferroviario de alta velocidade do suroeste europeo que permita unha conexión Norte-Sur e o Eixo multimodal Portugal/España- resto de Europa (por estrada).

Conscientes dos desafíos de competitividade, atractividade, e cohesión social, o Arco Atlántico, e en particular as súas cidades, plantexarán a necesidade de estar plenamente conectados ás grandes redes europeas de transporte de aquí ao ano 2030, creando unha rede que favoreza a intermodalidade e supoña unha oferta europea de transporte integrado.

Compartir: