CENTROS SOCIOCULTURAIS

Un obradoiro formará ao cidadán como espectador teatral

02/04/2009 Presentouse en Raxoi o Obradoiro do espectador, unha iniciativa para a formación de público activo no eido teatral. Esta actividade está promovida polo Grupo Chévere, compañía residente na Sala Nasa, e conta co apoio da Concellaría de Cultura e da Rede Municipal de Centros Socioculturais.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e un dos integrantes do grupo Chévere, Xesús Ron, presentaron este Obradoiro do espectador. Nace como unha actividade formativa destinada ao adestramento de espectadores que se desenvolverá nos centros socioculturais da cidade e na Sala Nasa arredor de tres funcións teatrais que terán lugar nos meses de abril, maio e xuño.

Socorro García sinalou que o programa ten como obxectivos principais "achegar a cultura con maiúsculas aos barrios da cidade, a través da Rede de Centros Socioculturais; formar un espectador activo e con criterio propio ante as propostas artísticas e culturais da cidade; e fomentar a colaboración da concellaría de Cultura con entidades culturais activas e dinamizadoras de Compostela", neste caso o Grupo Chévere.

Adestramento, representación e coloquio
O Obradoiro do espectador desenvolverase antes e despois de cada proposta teatral. Nunha primeira xornada, poucos días antes da función, haberá unha sesión de adestramento nos Centros Socioculturais nos que se porá en contexto os asistentes, debatendo arredor de distintos aspectos incluídos na obra.

O propio día da función, logo de asistiren á representación, os inscritos ao obradoiro terán a oportunidade de conversar cos integrantes de cada compañía, cos que se establecerá un coloquio. Segundo indicou Xesús Ron, do Grupo Chévere, "trátase dunha actividade anovadora sen precedentes en Galicia, mentres que no resto do Estado só hai constancia dunha experiencia semellante en Barcelona".

Teatro clásico, de obxectos e danza contemporánea
Xesús Ron foi o encargado de debullar a programación do obradoiro nesta primeira parte do programa, que vai estar integrada por tres propostas escénicas. A primeira cita xirará arredor de Rúa aire, da compañía O retrete de Dorian Gray, que se vai pór en escena o venres 24 de abril na Sala Nasa. A sesión de adestramento terá lugar o día 21, no Centro Sociocultural de Vite, no que se falará do teatro de obxectos e das súas diferenzas co de monicreques.

O martes 26 de maio celebrarase a segunda sesión preparatoria, desta volta no CSC do Ensanche, arredor de Menos 1, un espectáculo de danza contemporánea da compañía Pisando Ovos que se vai celebrar o venres 29 de maio. Para rematar, o martes 16 de xuño, de novo en Vite, impartirase a última sesión de adestramento do programa, nesta caso arredor de Iliria, da compañía de teatro Elefante Elegante, unha adaptación de Shakespeare que levará á análise do teatro clásico e as súas versións contemporáneas. Os coloquios cos espectadores terán lugar o propio día de cada función a partir das 23:00 horas.

Os obradoiros teñen un número de prazas limitado a 20 persoas e un prezo de 24 euros para os tres obradoiros e 8 euros para cada un, incluíndo esta tarifa a entrada á obra. A data de inscrición ábrese o 6 de abril no Centro Sociocultural do Ensanche ata completar prazas. Para máis información pódese chamar ao 981 543 001.

Documentos relacionados



Compartir: