MERCADOS

Cen postos, talleres e actividades lúdicas para todos na Feira de Artesanía

02/04/2009 Do 9 ao 12 de abril, o paseo central da Alameda acollerá a Feira de Artesanía. O evento, que se desenvolverá en horario de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas, contará con 100 expositores e con talleres, mostras, animación musical e un recuncho infantil.

O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, presentou esta Feira de Artesanía e explicou as características dos 100 postos que se distribuirán ao longo de 600 metros lineais no paseo central da Alameda. Do total, un 70% serán postos de banda de produtos artesáns: olaría, coiro, feltro, xabóns, madeira de oliveira, calzado, etc. Outro 20% do espazo estará dedicado á alimentación artesanal: queixos galegos e cántabros, panadería galega, repostería galega e vasca, cecina de León, produtos baleares, anchoas e bonito de Cantabria, mel de Liébana (Cantabria), etc. O restante 10% serán postos de hostalería artesá: sidrería, licorería, pulpería, taberna galega, etc.

Un dos principais atractivos da Feira serán a realización de talleres de artesanía en directo. Así, no de instrumentos musicais, os nenos poderán aprender a fabricar os instrumentos como canaveiras, curuxas, tarrañolas, asubíos, zoadeiras ou cantagalos, ademais de experimentar cos seus sons.

No obradoiro de zocos galegos botarase a vista atrás sobre un dos oficios máis tradicionais de Galicia. Os zoqueiros empregaban para construílos madeira de bidueiro, oliveira e coiros de vaca engraxados. Como apeiros utilizaban a subela, a tracha e a gubia, agullas, o coitelo, as tenaces e o martelo.

Finalmente, realizarase un taller de madeira, no que se utilizará principalmente madeira de castiñeiro e sapeli. Como apeiros de traballo empregaranse o torno artesán e a gubia, facendo cadros e restauración de mobles antigos. Este gremio ten unha antigüidade de 50 anos.

Exposicións, espazo infantil e música itinerante
No paseo central da alameda tamén haberá exposicións de apeiros de labranza: arados, aixadas, xugos, esportas, garabatos, forcas, fouces, rolos, trillos, tarabelos, etc. E para os máis pequenos, un recuncho infantil con xogos artesáns como os bolos, o catro en raia, reconstrución de castelos ou labirinto de cordas. E todo isto animado con mimos, zancudos, etc.

Tampouco faltará a música itinerante, neste caso da ma da compañía Mazmorra, que utiliza instrumentos artesáns como tambores, zanfonas ou gaitas.

Compartir: