BENESTAR SOCIAL

O Concello colabora na difusión dun libro con receitas galegas aptas para diabéticos

01/04/2009 O Pazo de Raxoi acolleu esta unha rolda de prensa na que a concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou o libro Receitas de Cociña Tradicional Galega para pacientes con diabete. Na presentación tamén estivo a autora do libro e presidenta da Asociación Compostela de Diabéticos, Teresa Lord, e Montse Goma, en representación de Roche Diagnostics.

O Concello de Santiago, a través Concellaría de Benestar Social, vén colaborando estreitamente dende hai anos coas actividades postas en marcha pola Asociación Compostela de Diabéticos. Nesta ocasión, trátase da elaboración dun libro de receitas aptas para os que sofren diabete. O libro será presentado en sociedade o xoves 2 de abril, no Centro Sociocultural da Trisca ás 19.00 horas.

Una emocionada Teresa Lord indicou que ten como obxectivos, entre outros, "destruír mitos sobre a gastronomía galega" e dar a coñecer "a variedade e a calidade dos nosos produtos". A súa estrutura e contidos buscan que "todos aprendamos a alimentarnos disfrutándoo".

Propostas atractivas para unha boa alimentación
O libro, editado por Ediciones Mayo e esponsorizado por Roche Diagnostics, incide na importancia da alimentación e ofrece unha ampla gama de receitas típicas da cociña galega con propostas culinarias prácticas, atractivas, saborosas e perfectamente adaptables ás normas de alimentación equilibrada do diabético e da poboación en xeral. As ilustracións correron a cargo da Escola Superior de Hostalería de Santiago de Compostela.

Será distribuído nos diferentes hospitais da Comunidade así como na propia Asociación Compostela de Diabéticos e a través da páxina web de Roche. Para que todos os diabéticos poidan acceder ao libro, Roche patrocinou unha tirada inicial de 5.000 exemplares. Tamén se fará outra edición destinada ás librarías.

Control da diabete
Na actualidade, as principais sociedades científicas que agrupan os especialistas en diabete recoñecen que a alimentación é un dos medios máis importantes que temos para controlar a diabete. Estas enfermidades esixen aos pacientes unha reorganización da súa vida na que as medicacións permanentes e os controis periódicos son só unha parte. Os pacientes teñen que aprender a integrar estes trastornos no seu proxecto de vida e na súa actividade cotiá, prestando gran atención á súa alimentación.

En definitiva, unha alimentación equilibrada debe formar parte dunha serie de hábitos saudables que garantan unha mellor calidade de vida: facer algún tipo de exercicio suave, descansar o tempo suficiente, evitar situacións estresantes, ter uns hábitos de ocio saudable, evitar a exposición e o consumo de tóxicos, etc. Este conxunto de actividades, xunto coa alimentación, axudaría a manter o estado de saúde nuns niveles óptimos.

A autora, Teresa Lord, naceu en Santiago. É presidenta e fundadora da Asociación Compostela de Diabéticos desde 1986, ademais de educadora de diabete e enfermeira no Hospital de Conxo, na Unidade de Desordes Alimentarias. Na actualidade, a entidade compostelá conta con case 800 asociados.

Compartir: