CIDADE HISTÓRICA

A reurbanización da rúa do Olvido e do seu contorno permitirá conectar Belvís co Ensanche compostelán

01/04/2009 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou o proxecto das obras de reurbanización da rúa do Olvido e do seu contorno. Na presentación aos medios estivo acompañada de Javier Fernández Muñoz, xefe de servizo da Oficina de Rehabilitación e Vivenda dependente da Concellaría.

Olga Pedreira indicou que esta actuación é de gran transcendencia pois "comunica a zona de Belvís co Ensanche compostelán". Engadiu que "no momento actual estamos na fase de licitación das obras, que serán financiadas polo Fondo de Investimento Local con 1.015.000 euros e que estarán acabadas antes de finais de ano".

A concelleira deu conta de como será o novo aspecto da zona. Así "na propia rúa do Olvido conservarase o pavimento central de lousas de pedra existentes, e o muro de mampostería delimitará a nova praza do Olvido, que levará o nome de Marcial Villamor Varela". Como novidade eliminarase a beirarrúa actual de formigón, sendo substituída por lousas de pedra, para acceder a cada vivenda. Pedreira destacou que "con esta intervención conseguimos ademais harmonizar esta zona co resto da cidade histórica".

Toda a reurbanización da rúa estará acompañada das labores de limpeza e saneamento do muro de mampostería, liberándoo do musgo e raíces e perfilándoo adecuadamente. Olga Pedreira informou tamén que este muro será rebaixado "no posible, para reducir o impacto da súa presenza sobre as vivendas".

Nova praza e nova rúa urbanizada
No contorno mais occidental da área intervida abrirase a nova rúa que servirá para ascender dende Castrón d’Ouro cara os Pexigos. Olga Pedreira detallou que "a nova vía será de dobre sentido e as instalacións, como os contedores do lixo ou contadores da luz, serán todas renovadas e soterradas". Ademais, "contarase con 13 prazas de aparcamento en superficie", engadiu.

Tal e como explicou a concelleira de Rehabilitación "a nova praza do Olvido ocupará o espazo central desta área" que "estará subdividida polo actual outeiriño verde, que se aproveitará para crear un camiño transversal que comunique a nova rúa coa do Olvido na zona norte da praza, a máis alta e soleada; habilitarase un parque de xogos infantís e xa na confluencia con Pexigos e Olvido, situarase un elemento icónico como é unha árbore do Olvido, que caracterizará a zona e que estará acompañada dunha área estancial con bancos á súa sombra".

Na zona sur manterase unha zona verde que cubrirá o novo aparcamento soterrado, que terá entre 25 e 30 prazas atendendo á intención de crear pequenos aparcadoiros para dotar de prazas aos residentes da zona histórica. A entrada ao estacionamento realizarase aproveitando a rampa que xa existe para o aparcamento privado dos edificios contiguos á praza.

Documentos relacionados



Compartir: