ALCALDÍA

A Audiencia Provincial arquiva definitivamente a denuncia sobre o aparcadoiro da Praza Roxa

30/03/2009 A Audiencia Provincial da Coruña arquivou definitivamente as dilixencias motivadas pola denuncia penal presentada hai catro anos a título individual polos concelleiros do Partido Popular da anterior lexislatura a raíz dos cambios na obra do aparcadoiro da Praza Roxa. A Audiencia confirma así o auto do xuíz instrutor que, o 4 de xullo de 2008, xa decidira arquivar o proceso por non atopar ningunha conduta delitiva.

A edil Marta Álvarez-Santullano, fixo público o contido do auto. Así, feitas todas as probas periciais, a Audiencia Provincial confirma que non hai ningún obxecto de delito nas modificacións que no seu día se tiveran que facer con urxencia no aparcadoiro da Praza Roxa. No texto incídese en que os cambios na obra e a celeridade dos mesmos respondían á necesidade de minimizar os "indiscutibles trastornos" causados aos veciños e a toda a poboación no núcleo máis habitado da cidade.

O auto recoñece a existencia de irregularidades administrativas pero indica que os cambios no proxecto "foron provocados pola situación mesma da obra". Neste sentido, liga as devanditas irregularidades a un cauce administrativo posterior para a convalidación da obra.

O sobresemento desta causa pon fin catro anos despois a un proceso iniciado a raíz da denuncia penal presentada a título individual polos concelleiros do grupo municipal popular da anterior lexislatura. Segundo recordou Álvarez-Santullano, a denuncia pretendía imputar ao concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama; ao xefe de Planeamento, Carlos Blanco; e ao secretario do Pleno do Concello, Javier Castiñeiras.

O 4 de xullo de 2008, o xuíz instrutor do caso, previo informe do Fiscal, decide arquivar as dilixencias previas por non atopar ningunha conduta delitiva. Os denunciantes deciden recorrer esta decisión ante a Audiencia Provincial, que agora decidiu ratificar a decisión do xuíz instrutor. A concelleira apuntou que este auto, malia a resolver unha denuncia penal, tamén esgota a vía administrativa.

Compartir: