TURISMO

Compostela será a sede da Rede de Cidades do Camiño de Santiago

30/03/2009 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asinará o luns 30, ás 17:00 horas, no Mosteiro de San Juan de Burgos –antigo hospital de peregrinos- os estatutos da Rede de Cidades do Camiño de Santiago. Con este acto quedará constituída esta Rede de Cidades do Camiño de Santiago.

No acto de sinatura tamén participarán representantes das outras cidades promotoras da iniciativa: a alcaldesa de Pamplona, Yolanda Barcina; o alcalde de Burgos, Juan Carlos Aparicio; o tenente de alcalde de Logroño, Ángel Varea; e a concelleira de Turismo de León, Susana Travesí.

A sede oficial da Rede estará en Santiago de Compostela e a entidade encargada da súa Oficina Técnica de Xestión será Turismo de Santiago. A presidencia da Rede será elixida pola Asemblea da mesma con vocación itinerante e rotativa entre as cidades que a compoñen. A Rede está aberta a integración de outras cidades do Camiño que cumpran cos obxectivos definidos.

A Rede nace para a actuación conxunta na promoción dos recursos turísticos, históricos, culturais e económicos. En concreto, preténdese promover o turismo urbano, elaborando programas turísticos comúns. Así, está previsto desenvolver iniciativas conxuntas entre as cidades que aumenten o movemento turístico a través da promoción conxunta en mercados estatais e internacionais.

Difusión, foros e relacións de cooperación
A curto prazo, os obxectivos son a presentación da Rede de Cidades do Camiño de Santiago ás diferentes institucións estatais, autonómicas e locais, busca de financiamento para proxectos conxuntos, a elaboración dun Plan de Marketíng para o Ano Santo Compostelán 2010 e a creación dunha páxina web.

Unha das iniciativas que desenvolverá a Rede é a creación dun Foro de relación permanente entre as cidades, empresas, administracións, universidades e outros colectivos interesados que sirva como un espazo onde poder analizar, debater, propoñer e executar iniciativas para o desenvolvemento turístico integral das diferentes cidades.

Un dos obxectivos fundacionais da Rede é o mantemento de relacións de cooperación con administracións e outras asociacións tanto no Estado coma na Unión Europea, especialmente as que se xeren no marco da Federación Española de Municipios e Provincias.

Compartir: