CULTURA

O ciclo Sons da Diversidade trae a Compostela a última proposta da cantante francesa Keren Ann

27/03/2009 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura, o domingo 27 ao Auditorio de Galicia, ás 21.00 horas, o último traballo de Keren Ann. Esta artista ten sido comparada polos medios especializados con Françoise Hardy, Nico, Suzanne Vega, Serge Gainsbourg, Rufus Wainwright ou Carla Bruni.

Nacida en Israel, criada en Holanda e afincada en Francia, Keren Ann mestura a chanson francesa e o folk intimista con sons modernos e refinados para obter un suave folk pop envolvente e ensoñador. O seu ultimo álbum, que chamou sinxelamente Keren Ann e que gravou entre París e Nova York co recoñecido trompetista israelí Avishai Cohen, co que actuará en Compostela, é unha proposta musical luminosa, conmovedora e sorprendente. Acompañaraos no escenario o talentoso e orixinal pianista Shlomi Shaban.

Neste o seu quinto traballo, uns arranxos e unha produción máis maduros ofrecen sutís sorpresas envoltas en cancións fermosas e fondas nas que mestura harmónicas con guitarras cíclicas, cordas con ecos medievais, sons de spaghetti western con delicados coros e trompetas con percusións distorsionadas. Son cancións sinceras, nas que cada son flúe naturalmente do anterior até fundirse no seguinte.

Keren Ann converteu o seu primeiro álbum, La biographie de Luka Philipsen (2000), cantado integramente en francés, nunha chiscadela á célebre canción de Suzanne Vega Luka e nunha emotiva lembranza á súa avoa materna, Philipsen. Ann compuxera todas as cancións do disco co cantante, compositor, músico, actor e produtor francés Benjamin Biolay, con quen tamén colaborou no seu seguinte traballo, La disparition, e máis no exitoso álbum Chambre avec vue, que supuxo a volta á música do Henri Salvador. Foi precisamente este famosísimo cantante e guitarrista francés o responsable de que o gran público coñecese a Keren Ann. O seu terceiro disco, Not Going Anywhere (2003), supuxo a súa entrada no mercado anglosaxón, que consolidou co cuarto álbum, Nolita, e que vén confirmar agora con Keren Ann, gravado entre París e Nova York coa colaboración de Avishai Cohen, un trompetista israelí de gran talento con un estilo moderno e versátil.

As entradas poden mercarse en www.caixagalicia.es e no 902 434 443 ata 24 horas antes do concerto. Ademais, tamén poden adquirirse no propio despacho de billetes do Auditorio de Galicia durante toda a xornada do sábado 28 e do propio día do concerto, o domingo29, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, ou tamén chamando por teléfono ao Auditorio, baixo a forma de pago por tarxeta e podendo ser recollidas ata media hora antes do comezo do concerto. O prezo das entradas é de 15 euros; a metade, 7.5 euros, para xubilados e menores de 25 anos.

Compartir: