PLENO

O Pleno ratifica a concesión da Medalla de Ouro da Cidade a José Castro Suárez

26/03/2009 O Pleno municipal aprobou por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro da Cidade ao empresario José Castro Suárez, fundador e presidente de Castrosúa.

Como alcalde e presidente do Consello Asesor de Condecoracións, Sánchez Bugallo explicou que a concesión desta Medalla de Ouro da Cidade responde aos méritos que concorren en José Castro Suárez á fronte de empresas punteiras no ámbito da automoción.

Nado no Carballiño (Ourense) en 1926, José Castro Suárez comezou a súa carreira profesional no ano 1948 en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). A partir dos anos 60 trasladouse coa súa familia a Santiago e fixa nesta cidade a sede social e de infraestruturas da súa empresa líder, Carrocera Castrosúa, S.A. Así mesmo, é o creador e impulsor de outras empresas das que ostenta os cargos de presidente e conselleiro delegado no Consello de Administración:

- Carrocera Castrosúa, S.A. (Santiago de Compostela), dedicada á fabricación de carrozarías para autobuses e autocares, cunha produción anual de preto de 360 carrozarías e un cadro de persoal de 320 traballadores.

- Castro Carrocera, S.A. (Vilagarcía de Arousa), fabrica carrozarías para autobuses, cunha produción de 130 unidades por ano e 120 traballadores.

- Castro Inversión y Desarrollo, S.A. (Santiago de Compostela), dedicada á ensamblaxe de bastidores da marca sueca SCANIA.

- Insular Carrocera, S.A. (Las Palmas de Gran Canaria), funciona como taller de servizo e dedícase, á súa vez, ao recarrozado de autobuses e autocares, conta cun capital humano de 25 persoas.

As empresas relacionadas anteriormente aportan a esta cidade a creación de mais de 450 postos de traballo directos.

Foi o impulsor e fundador do Clube de Empresarios de Santiago de Compostela a través do que acadou a unión na cidade de sectores moi diversos pero cun obxectivo común.

A súa traxectoria profesional e humana continúa na actualidade coa incorporación á dirección das empresas do seu fillo Juan Luis e da súa neta Beatriz, vicepresidente e adxunta á Alta Dirección, respectivamente.

Este gran empresario feito a si mesmo está moi comprometido coa sociedade, o que se manifesta nas súas colaboracións en eventos deportivos, culturais e sociais, destacando o apoio a equipos de fútbol, fútbol sala, ciclismo, regatas de vela de alta competición ou de vela, co obxectivo claro de darlles oportunidades aos mozos e aos mais pequenos. No ano 2005 foi recoñecido co Premio Nacional de Vela Unión Fenosa.

José Castro Suárez, no nome da súas empresas, recibiu destacados premios pola súa labor empresarial, de innovación e investigación:

- Premio III Euroforo Empresarial 2009
- Premio ao mellor autobús híbrido do ano 2009, deseñado especialmente para centros históricos.
- Premio Tempus, concedido polos representantes das principais empresas e organismos do sector en España.
- Finalista nos Premios Ernst&Young "Emprendedor do ano 2003".
- "Empresa Gallega premiada como modelo de gestión 2001", concedido pola Revista Mundo Empresarial Europeo.
- Recoñecemento como "Autobús do ano en España 1998", concedido pola Revista Viajeros
- "TM de ORO 1998", concedido pola Revista Transporte Mundial.
- Premio á mellor traxectoria empresarial da Revista Actualidad Económica.

Os seus traballadores ademais de recoñecerlle o seu mérito como empresario fixeron da súa empresa un lugar de convivencia e amizade, como exemplo: a creación dun Coro ademais doutras actividades deportivas e sociais. No ano 2008 organizáronlle un emotivo homenaxe con motivo da celebración dos 60 anos de traballo continuado fronte as súas empresas consideradas líderes en Europa.

Compartir: