COMERCIO

Os comercios gañadores da edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo recibiron as súas bandas

25/03/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na Edición de Nadal do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: a tenda de moda Saturna, a de complementos infantís Pío Pío, e o estabelecemento de comercio xusto Panxea. O obxectivo do certame, dirixido a todos os comercios da cidade, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

En primeiro lugar, Xosé Manuel Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao primeiro estabelecemento clasificado, Saturna, situada na rúa Santiago de Chile, 2, e clasificado en primeiro lugar. A continuación dirixiuse a Pío Pío, segundo premiado e localizado na rúa Nova de Abaixo, 1. Por último, o concelleiro entregou a banda ao terceiro clasificado, a tenda de comercio xusto Panxea, situada na rúa Gómez Ulla, 4.

Á edición de Nadal do certame presentáronse 34 estabelecementos. Entre os comercios participantes predominaban os de téxtil e confección, sobre todo moda infantil, os de decoración e agasallos, e os de artesanía. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de óptica, alimentación, deportes, xoguetarías, floristarías, perfumarías, xoiarías, librarías e parafarmacias.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio. Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio promove desde o ano 2004 o Concurso de Escaparatismo como medida de dinamización e mellora para os comercios en activo, e como incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns.

Compartir: