CULTURA

Aberta a sexta edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

25/03/2009 Presentáronse en Raxoi as bases do Sexto Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. O prazo de presentación queda aberto ata o 25 de setembro.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a nova convocatoria deste evento que, en palabras da primeira, pretende "axudar economicamente a produción e investigación de artistas novos, achegar ao público da cidade as creacións galegas máis actuais e anovadoras e, ao tempo, permitir a estes artistas darse a coñecer perante a crítica de arte e a poboación en xeral".

A edición de 2009 deste premio, que se celebra cada dous anos, vai dirixida a artistas galegos (ou residentes en Galicia) menores de 40 anos que presenten unha soa obra, individual ou colectiva, de calquera caste de técnica ou soporte (pintura, escultura, fotografía, instalación...), respectando as dimensións e características que constan nas bases do premio para cada disciplina.

As creacións a concurso débense presentar antes das 14:00 horas do 25 de setembro de 2009 no Auditorio de Galicia, sendo necesario entregar, xunto coas características da obra, os datos do artista así como a súa traxectoria artística ou profesional. Non é preciso presentar, nesta data, a obra física, agás no caso das videocreacións. No mes de decembro de 2009, o xurado do concurso realizará unha primeira selección, da que sairá unha exposición que se desenvolverá no Auditorio de Galicia en datas sucesivas.

6.500 euros para o artista gañador
O xurado do Sexto Premio Auditorio de Galicia para novos artistas será o encargado de outorgar o primeiro premio, dotado con 6.500 euros, así como os catro accésits, que recibirán 1.500 euros. Logo de se celebrar a exposición no Auditorio con todas as obras finalistas, entregarase o Premio do Público, galardoado con 1.200 €.

O xurado deste edición vai estar integrado polo artista e empresario Isaac Díaz Pardo; o investigador en Historia da Arte da USC Federico López Silvestre; o decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Ignacio Barcia; a crítica e directora de Artecontexto, Alicia Murría; a comisaria Chus Martínez; o presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, que fará de presidente do xurado; e o director-xerente da mesma entidade, que será o secretario.

Pola súa banda, Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio, destacou a gran proxección que ofrece o premio aos artistas finalistas, pois creadores galardoados en pasadas edicións como Rubén Ramos Balsa, Amaya González, Manuel Eirís ou Félix Fernández, están a desenvolver fecundas carreiras creativas dende a súa participación no certame.

Documentos relacionados



Compartir: