ALCALDÍA

Quince procesións, liturxia e un intenso programa musical na Semana Santa compostelá

24/03/2009 A Semana Santa volve a ser un punto de atracción para turistas e veciños, cun amplo programa de procesións e actos litúrxicos. Ademais, ven acompañada dunha nova edición dun evento musical xa consolidado e prestixiado como o Festival de Músicas Contemplativas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Isolino Castiñeiras, da Xunta de Confrarías, presentaron en San Martiño Pinario o programa da Semana Santa, que esta vez comprende ata 15 procesións. O primeiro acto terá lugar o sábado 28 de marzo, ás 20:00 horas, co pregón da Semana Santa na igrexa de San Domingos de Bonaval. As procesións comezarán o venres dos Dores, o 3 de abril, ás 21:00 horas, e rematarán o domingo 19, ás 11:00 horas, data na que sairá á rúa o Santísimo Cristo da Paciencia, en Conxo.

O domingo 5 de abril celebrarase nas igrexas da cidade o Domingo de Ramos, coa tradicional bendición das palmas e dos ramos. Ese día sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (11:30 horas). Música de banda de cornetas e tambores e a Banda de Música Municipal acompañan esta marcha. Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, a cargo da Irmandade dos Estudantes, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

Para o luns 6, e como novidade deste ano, partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 7, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Cristo da Paciencia.

Mércores Santo
O Mércores Santo, ás 20.00 horas, terá lugar o Exercicio do Vía Crucis. Unha representación de todas as confrarías composteláns participan na procesión, que sae do Campiño de San Francisco para chegar á praza do Obradoiro. Esta marcha ten a súa orixe na Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, en colaboración coas confrarías de Noso Pai Xesús Nazareno e Santísima Virxe das Dolores e a do Santo Cristo da Unción e a Nosa Señora da Serenidade. Recuperada a procesión en 1988, as catorce estacións do Vía Crucis repártense polo percorrido e sinálanse por outras tantas cruces de madeira.

Unhas horas despois, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión do Cristo da Misericordia. A responsabilidade da mesma corresponde á Confraría de Estudantes, que paseará con cruz de guía acompañada de nenos de gala e música de tambores e de capela.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:30 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, a procesión do Noso Pai Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 11:00 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 11 de abril, ás 20:00 horas, sairá a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, 22 nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Resurrección, o 19 de abril, ás 11:00 horas, a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

IV Festival de Músicas Contemplativas
A Semana Santa é tamén a época escollida expresamente para celebrar o Festival de Músicas Contemplativas, que neste 2009 celebra a súa cuarta edición. Este evento, deseñado polo Consorcio de Santiago, une arquitectura e música no marco do patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio organismo.

O Festival desenvolverase do 7 ao 11 de abril na igrexa de San Francisco, San Martiño Pinario, San Fructuoso, San Agustín e Ánimas, na Capela do Hostal dos Reis Católicos e nos conventos do Carme e Santa Clara.

Os once concertos –ata tres diarios, algún a medianoite– conforman un programa que integra, a través do diálogo intercultural, as músicas europeas e extraeuropeas en harmónica coexistencia. Así, a música corsa de A Filetta, os madrigais italianos de La Venexiana e as pezas meditativas con clavicémbalo e viola da gamba interpretadas por Nicolau de Figueiredo & Juan Manuel Quintana conviven coas propostas de grupos nunca vistos ata agora en España ou en Europa: a música mística arxelina de Nassima and Group, o canto carnático hindú de Bombay Jayashri Ramnath, os cantos siríacos en arameo da libanesa Ghada Shbeir ou a tradición do maqam recollida polos iraquís Ensemble Farida Muhammad Ali & Iraqui Maqam.

Completan o ciclo catro agrupacións europeas: Musica Fiata Köln & Capella Ducale, Schola de la Capilla Imperial de Viena, XVIII-21 Le Baroque Nomade e Musica Antiqua Roma con propostas que van desde a música tradicional dos misioneiros xesuítas en China ata Haendel.

A entrada é de balde, ata completar aforo. O billete debe retirarse no lugar e hora do concerto.

Máis información en www.semanasantasantiago.com

Compartir: