CULTURA

Unha exposición revisa o movemento cultural galego da década dos 20

17/10/2005 "Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galiza entusiasmada" inaugurarase na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia o 20 de outubro, onde estará exposta ata o 11 de decembro. A mostra reúne a práctica totalidade dos libros e publicacións que a editorial "Nós" de Casal editou co deseño gráfico das individualidades máis atrevidas da arte galega da década dos 20 aos 30.

Centos de libros, pinturas, carteis e debuxos compoñen a exposición "Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galicia entusiasmada" que desde o 20 de outubro ocupará a sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Comisariada por Xosé Enrique Acuña trátase dunha homenaxe á figura de Ánxel Casal e dunha profunda revisión do movemento cultural galego anterior ao golpe militar de 1936 e do intenso protagonismo que o galeguismo e os artistas do seu contorno acadaron neses anos.

Na década dos 20 aos 30 do século pasado, Castelao, no seu papel de literato, artista e líder galeguista, contribuiu a deseñar un programa de intervención na sociedade que se centraba en difundir as propostas dun novo nacionalismo quen de rachar con vellas rémoras decimonónicas.

Unha actuación colectiva e entusiasta que logrou enormes froitos desde o labor que o propio Ánxel Casal conseguiu publicitar a partir de aventuras editoriais como "Lar", primeiro, e logo sobre todo co selo "Nós". Desde a editora "Nós" Casal emparellouse cos máis salientábeis escritores e artistas galegos do seu tempo. Desde os asentados como Castelao, Risco, Otero Pedraio ou Vilar Ponte, a unha xeración máis comprometida e achegada ás vangardas. Eis o caso de Luís Seoane, Maside, Mazas, Cunqueiro ou Manoel Antonio.

Títulos xa clásicos e claves da nosa literatura, anteriores á barbarie da censura franquista, saíron dos seus obradoiros de impresión da Coruña e Santiago e até eles chegaron os orixinais de artistas como Camilo Díaz Baliño, Cebreiro ou Méndez, que contribuíron a renovar cos seus deseños o panorama da edición gráfica galega.

A mostra "Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galicia entusiasmada" reúne a práctica totalidade dos libros e publicacións que a editorial "Nós" de Casal editou co deseño gráfico das individualidades máis atrevidas da arte galega da década dos 20 aos 30. Sorprende o enorme avance que significou o deseño e a ornamentación de libros como elemento de debate animador do panorama artístico.

Os libros da editorial "Nós" dialogan nesta mostra con proxectos paralelos doutras editoriais galeguistas protagonizados por artistas tamén comprometidos coa realidade galega daquel tempo e mesmo coa obra orixinal dos máis sinalados colaboradores artísticos de Ánxel Casal.

Entre libros e revistas saídas dos obradoiros de Casal, no Auditorio de Galicia móstranse obras descoñecidas e mesmo nunca expostas de Castelao, Díaz Baliño, Sesto, Méndez ou Xurxo Lourenzo que á vez aparecen contextualizadas con aportacións contundentes de Arturo Souto, Carlos Maside e Maruxa Mallo ao mundo da edición ou, como no caso dos descoñecidos debuxos de Federico Ribas, ideados para denunciar a barbarie da represión do 36 en Galicia. A mesma que lle segou a vida a Ánxel Casal un 19 de agosto logo de estar preso na cadea de Santiago, cidade da que era alcalde pola Frente Popular.

Concebida como eixo principal do "Ano Ánxel Casal" que deseñou a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, a mostra ofrece tamén un espazo de homenaxe á figura de María Miramontes, dona e colaboradora de Casal en todos e cada un dos proxectos editorias que asentou, e unha lembranza significativa sobre a relación de Federico García Lorca co editor galeguista, que foi quen de imprimirlle en 1935 o seus "Seis poemas galegos".

A mostra repara igualmente na obra de Castro Arines, Lolita Díaz Baliño, Fernández Mazas, Xaime Prada e Manuel Prego, artistas todos que participaron cos seus deseños do esplendor, frustrado, como a traxectoria artística dalgún deles, polo golpe de estado de 1936, da editora "Nós" de Ánxel Casal.

Compartir: