EDUCACIÓN

A nova directora da Escola Municipal de Música aposta pola maior participación das familias na educación musical dos seus fillos

24/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu á nova directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez Lloria. A continuación, esta explicou, acompañada da concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, os seus proxectos, como o da creación dunha ANPA como vehículo que favoreza a participación das familias na educación musical dos seus fillos e fillas.

Sara Domínguez quere nesta nova etapa dinamizar a vida cultural da Escola Municipal de Música e lanzar novas iniciativas que difundan o traballo que se realiza na mesma. No plano estritamente educativo, aposta por desenvolver a totalidade do proxecto educativo do centro. Cómpre lembrar que na actualidade os alumnos máis avanzados cursan 6º curso de instrumento.

Tamén neste plano formativo, a nova directora quere modificar as audicións trimestrais, para que cada profesor teña a posibilidade de amosar nun concerto o estudo e bo facer dos seus alumnos. Ademais, vaise facer unha revisión a nivel curricular, que permita un seguimento individualizado do alumnado, e modificaranse os horarios segundo idades e períodos lectivos para mellorar o rendemento.

No ámbito educativo, unha das novidades será a posta en marcha do Plan de Acceso ao Conservatorio (PACO). Este proxecto de traballo destinarase a preparar a proba de acceso a estudos profesionais.

Máis actividades
En canto ao aumento do número de actividades, entre os eventos máis inmediatos está o Concerto do Quinteto de Metais Mai’s Brass, o 24 de marzo, e a participación no Encontro Orquestral de Conxuntos e Coro en Lugo, que se celebrará do 17 ao 19 de abril. Despois, o 10 de maio, virá un concerto de participación coa orquestra e co coro no Auditorio de Galicia con motivo dun concerto solidario organizado polo colexio de Teo-Ramallosa.

A Escola renderá homenaxe a Ramón Piñeiro, figura á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Será a través dun concerto o 14 de maio. Catro días despois celebraranse os Concertos Escoita o que pintas, con música de Maurice Rabel. Finalmente, está previsto un concerto de fin de curso, denominado Concerto Gastronómico, con música composta por profesores da Escola. será o 23 de xuño.

Sara Domínguez aproveitou para dar as grazas ao profesorado "polo seu compromiso e interese neste proxecto, xa que deles depende o éxito e futuro deste Centro". Tamén agradeceu o seu labor á concelleira e aos profesionais do Departamento de Educación, "na seguridade de que o bo clima de traballo e a profesionalidade na xestión da Escola vai repercutir na mellora da prestación dun servizo público de tanta importancia nas educación integral das persoas como é a educación musical".

Compartir: