MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente edita un folleto que explica a evolución da auga ao longo da historia da nosa cidade

23/03/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, presentou un despregable sobre a historia da auga na cidade. Acompañárona na presentación Mercedes Vázquez, redactora e coordinadora da edición, e Paula Piñeiro, delegada de Aquagest para área de Santiago, entidade que na actualidade se ocupa da xestión da auga na cidade. O folleto, do que se editaron 10.000 exemplares, será distribuído nos centros educativos, centros socioculturais, asociacións veciñais e tamén nos domicilios do contorno dos puntos de interese recollidos no mesmo.

A concelleira resaltou na rolda de prensa o feito de que a auga é sen dúbida un recurso indispensable para a vida humana, un recurso que condiciona a calidade de vida. Moitas civilizacións, grandes civilizacións, desenvolvéronse á beira dos ríos. "Abonda con recordar o papel do Nilo na civilización exipcia ou dos Éufrates e Tigres na cultura mesopotámica" lembrou Elvira Cienfuegos, quen asegurou que "a auga é necesaria para beber, para cociñar, para lavar e para lavarse, e tamén é útil para producir enerxía coa que mover os muíños ou xerar electricidade así como para actividades transformadoras, como as curtidorías das que chegou a haber 25 nos ríos de Santiago". O despregable presentado trata da auga no uso doméstico e aporta unha visión do desenvolvemento e evolución da cidade en función do abastecemento de auga.

A idea é que o despregable sirva para valorar a auga e o seu papel no desenvolvemento da cidade e na calidade de vida dos seus habitantes, un obxectivo que explica a súa presentación ao día seguinte do Día Mundial da Auga. "Valorar a auga como recurso colectivo, e xa que logo, utilizala responsablemente", indicou a concelleira. Tamén asegurou que "debe servir para coñecer mellor a cidade, para facilitar o achegamento e a interpretación de determinadas construcións, como o acueduto ou as casetas de protección das antigas arquetas, que adoitan pasar desapercibidas e que xogaron non obstante un papel moi importante na historia da cidade". Así, Cienfuegos afirmou que agarda que o folleto sexa de interese para a cidadanía de Compostela e mesmo que sirva para no futuro ser enriquecido con novas achegas.

Testemuños a través de séculos
A concelleira fixo un relatorio da historia da auga en Santiago, historia que recolle o documento. Así, explicou que Santiago, que naceu e medrou recibindo peregrinos, tivo desde os seus inicios, no século IX, interese en dotarse dun subministro estable e suficiente de auga que servise para atender as necesidades dos seus habitantes e tamén dos seus visitantes. O bispo Xelmírez, no século XII, foi quen construíu o acueduto para traer a cidade a auga que se obtiña da Fonte Branca; acueduto que foi despois reconstruído e que hoxe se conserva co nome de Ponte Mantible. Os mananciais da Fonte Branca e tamén do Pedroso foron os subministradores de auga á cidade ata que se comezou a aproveitar a auga do río Tambre en 1943.

A traída municipal supuxo a fin de dous oficios tradicionais exercidos por mulleres: as augadoras, que levaban a auga ás casas, e as lavandeiras, que recollían as prendas nos domicilios, lavábanas, secábanas e levábanas de volta ás casas. Dous traballos sufridos, que foron desaparecendo a medida que se desenvolvía a rede municipal iniciada en 1922 , unha rede que veu dar solución tamén aos problemas de salubridade, ás epidemias que de cando en cando sacudían a poboación e que tiñan na auga o axente transmisor.

Ademais de información e fotografías de principios do século XX, o folleto sitúa sobre o mapa da cidade 10 puntos históricos relacionados co abastecemento de auga. Dez testemuños visibles que van dende a Granxa do Xesto ou a Fonte Branca ata os actuais depósitos das Cancelas ou a Almáciga, pasando pola Ponte Mantible , a Fonte de San Miguel ou a Fonte de Cervantes. Dez puntos que conforman un roteiro duns 15 km, realizable en bicicleta ou por tramos a pé.

Compartir: