MEDIO AMBIENTE

Varios paneis informativos e un folleto difunden os valores ambientais e patrimoniais do río Tambre

20/03/2009 As ribeiras do río Tambre contan cunha nova sinalización, na que se ofrece información sobre este Lugar de Interpretación Comunitaria (LIC). Ademais, editouse un folleto de divulgación dos valores desta área, utilizada por moitos composteláns coo espazo de ocio e disfrute da natureza.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentou a nova sinalización interpretativa das ribeiras do Tambre nunha visita á parte compostelá da área recreativa de Chaián. Instaláronse paneis verticais con tellado con información xenérica sobre o LIC "Río Tambre". Inclúe recomendacións e normas de comportamentos para os visitantes deste espazo.

Tamén se colocaron mesas interpretativas sobre os principais valores ambientais e patrimoniais do LIC: fauna, flora, etnografía e insuas como espazos para a conservación.

Roteiros a pé e en bicicleta
Elvira Cienfuegos presentou tamén un folleto divulgativo que recolle dous roteiros pola ribeira do río Tambre. Un, destinado fundamentalmente a ser percorrido en bicicleta, vai dende a Área Recreativa de Chaián ata A Barciela. Ten 13,5 quilómetros de lonxitude na ida para percorrer en aproximadamente catro horas e media. O outro, máis para facer a pé, transcorre entre A Barciela e a Área Recreativa O Refuxio. É un tramo de dous quilómetros.

A publicación inclúe un mapa destes tramos, explicacións sobre os valores ambientais que se poden atopar e instrucións para a conservación do río. Tamén hai unha descrición detallada dos dous itinerarios, con apuntes históricos sobre os mesmos.

Esta iniciativa contou coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Nesta área tamén están en marcha outras iniciativas, como a de mellorar a accesibilidade para persoas de mobilidade reducida, que se realiza a través de obradoiros de emprego.

Compartir: