ALCALDÍA

Atopados restos da muralla do século X no soto do futuro Museo da Cidade

20/03/2009 A preparación das obras do futuro Museo da Cidade, no edificio do Banco de España, deixou un valioso achádego: os restos da muralla da cidade construída alá polo século X. O alcalde considera que este descubrimento é unha boa noticia, pois será un atractivo máis do museo. Non obstante, isto obrigará a modificar o proxecto.

Sánchez Bugallo anuncioulles aos xornalistas a organización dunha visita para observar de primeira man o descuberto, os restos dunha muralla da que xa se tiñan indicios e que non logrou deter no seu momento a Almanzor. Segundo indicou, a muralla ten ao seu carón un gran foso de máis de catro metros de profundidade, cuxa lonxitude chega ata a rúa do Vilar.

A muralla foi atopada nos sotos do antigo Banco de España, onde se situaba a súa cámara acoirazada. Isto obrigará a modificar o proxecto do futuro Museo, se ben se vai continuar co proceso de adxudicación. "Espero poidamos cumprir os prazos previstos", apuntou o alcalde a propósito dunha reforma sobre a que xa traballa o arquitecto, Manuel Gallego Jorreto. Agora, este soto converterase nunha parte moi importante do espazo expositivo.

Congreso sobre rehabilitación en 2012
Na súa rolda de prensa de resumo semanal, o alcalde tamén anunciou que Santiago será en 2012 sede do Congreso de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios, auspiciado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Este foi precisamente o motivo da súa visita o xoves 19 á cidade lusa de Porto, onde se celebraba a terceira edición deste evento, ao que asistiron máis de 600 persoas.

Reunión co Aeroclub
Para a tarde do venres 20 está prevista a reunión que Sánchez Bugallo manterá coa directiva do Aeroclub, para falar do futuro campo de golf en Bando. O alcalde reiterou que os terreos de Bando terán que ser en todo caso "de titularidade pública". Segundo dixo e, neste marco, "a solución máis tradicional para a xestión do campo de golf sería unha concesión, pero tamén existen outras, como unha sociedade de capital mixto.

Afirmou que "o dos prazos non será un problema importante", pero que, en todo caso, se deberán garantir tres aspectos: a utilización turística, o uso público e a calidade das instalacións.

Alta concorrencia ás licitacións do FIL
Finalmente, o alcalde felicitouse polo alto número de empresas que están a presentar as súas ofertas nas licitacións das obras do Fondo de Inversión Local (FIL) que están a saír a concurso. Considerou positivo que haxa unha media de 20 ofertas para cada un destes concursos. Os técnicos municipais tratan de resolver con celeridade estas licitacións, para telas listas no prazo de 20 días outorgado legalmente.

Compartir: